Areeiro confirma que o estado das viñas é bo para adiantar a vendima
Por Redacción
A Estación Fitopatolóxica Areeiro lanzou un novo aviso fitosanitario no que constata o bo estado das viñas, de forma que se poden manter as previsións de adianto da vendima.
O persoal especialista afirma que moitas das grandes adegas das Rías Baixas xa estableceron os seus límites para a última intervención nos cultivos e recomenda que, de ser necesario realizar un último tratamento nos viñedos, deben utilizarse produtos cun prazo de seguridade máis curto que a data estimada para o inicio da recollida de uvas.
En todo caso, tamén sinala que na última semana atopáronse algunhas novas manchas de mildio en crecementos tenros, unha situación que non se rexistraba desde hai tempo. Segundo indican desde o centro dependente da Deputación, algunhas das manchas son moi incipientes e non presentaban esporulación, pero outras si que presentaban esta liberación de esporas.
Coas previsións meteorolóxicas para as próximas xornadas non se espera que poidan incrementarse o número de manchas pero desde o centro do Areeiro inciden en que poden eliminarse os brotes afectados se as viñas son de pequenas dimensións para evitar que se dispersen as esporas do mildio.
Segundo os técnicos do Areeiro de manterse as datas de vendima máis temperás non está previsto que haxa danos pola presenza de larvas de polillas dos acios, a pesar de que se detectaron algúns ovos, na súa maioría secos, e tamén algunha perforación nova nas leiras visitadas. O persoal da Estación destaca que só haberá que estar pendentes #ante un posible cambio de tendencia da climatoloxía pola incidencia na botrite.
O aviso tamén contén, entre outros puntos, a existencia de síntomas de alteracións de madeira nas plantas dalgunhas viñas, derivada da tensión causada pola climatoloxía que se rexistra durante as últimas datas, ademais de síntomas propios do estrés como consecuencia dos golpes de sol nos acios ou os síntomas de seca.
OUTROS CULTIVOS E PLANTAS
O persoal da Estación tamén recomenda incrementar a vixilancia sobre a bolboreta do buxo. Esta semana detectouse nas instalacións de OAreeiro un adulto e a primeira posta. Nas plantas doutros puntos da provincia observouse tamén algunha crisálide.
No caso das maceiras alertan dalgunhas formas aínda sen parasitar nas colonias de pulgón laníxero, pero nas plantas controladas os niveis de parasitismo por Aphelinus mali son moi elevados.
Por último, en canto aos piñeiros continúa o voo da praga da procesionaria e esta semana foi cando máis adultos se recolleron nas trampas establecidas polos técnicos.
Relacionadas:
-
A D.O. Rías Baixas fará test serolóxicos a todos os seus auditores durante a vendima
Por Redacción |
-
A Denominación Rías Baixas estima unha vendima de máis de 37 millóns de quilos de uva
Por Oskar Viéitez |
-
Esixen medidas efectivas para que os produtores de uva non paguen os pratos rotos da Covid19
Por Oskar Viéitez |