Dous locais de Portonovo e Sanxenxo, precintados por incumprir a ordenanza de ruído
Por Redacción
A Policía Local clausurou a pasada madrugada dous locais de lecer de Portonovo e Sanxenxo por incumprir a ordenanza municipal contra a contaminación acústica que controla a emisión de ruído e manteraos precintados ata que solucionen a situación.
Segundo informou o Concello, os dous establecementos contaban xa cun requirimento previo polo mesmo motivo.
A semana pasada, a empresa de control de ruídos contratada polo Concello realizara unha inspección na que detectaran incumprimentos da norma e a pasada madrugada constatouse que un deles non dispoñía do sistema de medición e o outro o tiña desconectado polo que non podían transmitir os datos á plataforma de xestión.
Para poder volver abrir ao público, os propietarios deberán presentar no Concello de Sanxenxo unha certificación do instalador do limitador de son sobre o correcto funcionamento e emisión de datos.
A Alcaldía emitiu unha resolución na que advirte aos interesados que non respectar a medida poderían incorrer nun delito de desobediencia grave á autoridade que sería tramitado perante o xulgado de Garda.