A biblioteca de Campelo tramitou máis de 300 préstamos de libros desde o fin do confinamento
Por Redacción
Logo do seu peche forzado polo estado de alarma, a Biblioteca Municipal de Poio, situada en Campelo, retomou a súa actividade durante os últimos meses. Desde o inicio da desescalada e a entrada na nova normalidade, as dependencias foron retomando de novo o pulso e recuperando o seu ritmo en canto a préstamos e actividades se refire.
Como non podía ser doutro xeito, o servizo que alí se presta se realiza tendo en conta todas as medidas de seguridade que establecen as autoridades sanitarias, tal e como lembra a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez.
A de Poio foi a primeira biblioteca da comarca de Pontevedra en volver a abrir as súas portas o pasado 11 de maio, coincidindo coa fase 1 da desescalada. Desde ese momento, as súas prestacións foron aumentado, tramitando máis de 300 préstamos de libros, 188 correspondentes a obras para adultos e 114 libros pensados para cativos e cativas.
Ademais, tamén se solicitaron seis obras audiovisuais por parte dos socios e socias, déronse de alta cinco novos usuarios e se devolveron xa 173 tomos, cuxo período de préstamo fóra aumentado para aquelas persoas que solicitaran algún libro pouco antes do inicio do confinamento.
Unha vez xa entrada a nova normalidade, a biblioteca de Campelo ofrece, ademais de préstamos, servizos como información bibliográfica, asesoramento, hemeroteca, uso de espazos comúns ou acceso ao catálogo. En chave de seguridade e hixiene, ademais de ofrecer xel hidroalcólico a todos os usuarios e usuarias no momento da súa entrada nas instalacións, establécese o uso de máscara como obrigatorio e se mantén unha ventilación e limpeza constante.
Polo que respecta ás actividades de dinamización bibliotecaria e cultural, que tamén se foron retomando de xeito paulatino, a sala poderá ser ocupada ata o 75% sobre a súa capacidade máxima (10 persoas). Ademais, habilitouse sinalización para facilitar a circulación das persoas para garantir o mantemento de distancia interpersoal.
A concelleira de Cultura lembra que xa durante o mes de agosto tivo lugar un obradoiro de caligrafía, para cativos e cativas maiores de 8 anos, que resultou un éxito. "En setembro continuaremos ofrecendo, coas medidas de seguridade necesarias, iniciativas similares de lecer e dinamización", garante, nun horario de apertura de 11.00 a 14.00 horas, de luns a venres.
Por último, a edil nacionalista sinala que "continuamos traballando para mellorar e actualizar o noso fondo de obras. Cada vez contamos cunha oferta máis ampla, sobre todo de editoriais en galego", explica Rodríguez Alonso, que lembra que na biblioteca pódese atopar moito material en chave narrativa, poética, de teatro e cómics.