Catro das persoas da empresa Mochi en corentena dan negativo en coronavirus
Por Natalia Puga
Catro das seis persoas vinculadas á empresa pontevedresa Mochi sobre as que se decretou un illamento preventivo esta semana deron negativo nas probas PCR que lle realizou a Consellería de Sanidade para comprobar se se contaxiaran de coronavirus.
Os seis están en corentena despois de que o pasado domingo realizasen un servizo de cátering nunha vivenda da localidade ourensá de Avión cuxa anfitrioa deu positivo por coronavirus.
A mesma tarde do domingo a dona da casa, de 73 anos, recibiu a confirmación de que dera positivo, de modo que avisou á empresa de cátering e tamén aos asistentes ao evento, 23 persoas. De momento, todos deron negativo.
No caso de Mochi, realizoulle a proba a catro deles e o resto están pendentes, segundo confirmaron fontes da propia empresa. Todos continúan asintomáticos.
Entre os afectados aínda sen test está o propietario da empresa, que acudiu a ese mesmo servizo. Por prevención, tamén se puxo en corentena á súa esposa, que acudiu a recollelo a Avión e estivo en contacto con el no vehículo de regreso durante todo o traxecto. No seu caso, foi unha decisión da propia empresa, non das autoridades sanitarias.
Esta corentena non afecta o funcionamento habitual da empresa. Gustavo Sobral, fillo dos propietarios, aclarou esta semana, nada máis coñecerse este illamento, que esas seis persoas realizaron o servizo sobre o que recaen as sospeitas en avión, de modo que as instalacións da empresa e a Finca Batacos da súa propiedade non estiveron expostas a ningún posible contaxio e garántese a súa seguridade. Todos os servizos previstos seguen en pé sen riscos.
TRASLADO DOS TURISTAS DE MEIS
Os tres turistas que permanecían illados nunha vivenda de Meis despois de que un deles dese positivo por coronavirus foron trasladados este xoves desde a casa na que foran illados pola Consellería de Sanidade ao Centro Superior de Hostalería de Galicia de Santiago de Compostela, habilitado para acollerlles.
Trátase de res novas turistas madrileños que pasaran as vacacións nunha casa da parroquia de San Lourenzo de Nogueira e que, tras o positivo dun, foran confinados na mesma casa.