Campo Lameiro recupera o servizo habitual de subministro de auga e elimina os cortes nocturnos
Por Redacción
O Concello de Campo Lameiro recuperou a normalidade no subministro de auga a domicilio e eliminou os cortes nocturnos que tivo que adoptar nos últimos días debido a unha baixada repentina e descontrolada nos depósitos municipais por mor do uso irresponsable dos recursos hídricos utilizados para encher piscinas particulares, rego de xardíns e hortos e lavado de vehículos.
As autoridades municipais piden a colaboración cidadá para que se faga un uso racional e responsable da auga durante estes días de verán onde a poboación do municipio aumenta e a demanda de consumo hídrico é maior, e recordan que a auga da traída municipal só se pode destinar a uso doméstico e está prohibido encher piscinas, lavar vehículos ou regar hortos e xardíns con ela.
É por iso que desde o Concello lembran á cidadanía que o mal uso insolidario da auga municipal pode acarrear a apertura de expedientes sancionadores que poden rematar en multas aos usuarios que incumpran a normativa de uso racional da auga.
Debido ao descenso alarmante e repentino no depósito municipal de subministro de auga, tiveron que adoptar medidas urxentes e puntuais a base de realizar cortes nocturnos programados entre as 00:00 e as 6:00 horas da mañá durante estes días co fin de causar os menos perxuizos e molestias posibles aos usuarios e permitir a recuperación das reservas hídricas municipais.
Así mesmo, e pese a que o Concello editou un Bando urxente para que a veciñanza tomara conciencia e fixera un uso responsable da auga, operarios municipais tiveron que amonestar e advertir a algún veciño polo uso indiscriminado do subministro de traída municipal para encher piscinas, regar xardíns e hortos e outros usos que non están previstos pola ordenanza e que poñen en perigo a utilización solidaria dos recursos hídricos.
Pola súa banda, o alcalde, Carlos Costa, agarda que non se teñan que volver a tomar estas medidas extremas e fai un chamamento á cidadanía para manter un uso razonable e responsable do consumo de auga co fin de poder abastecer durante todo o día no verán as necesidades normais da poboación en materia de abastecemento hídrico.
Relacionadas:
-
A chuvia esquecerá as Rías Baixas no seu paso por Galicia durante esta semana
Por Redacción |
-
Convocan unha protesta para reclamar máis profesorado no CEIP Pedro Antonio Cerviño de Campo Lameiro
Por Redacción |
-
Campo Lameiro corta a auga durante a noite para garantir o subministro ante a alarmante baixada no depósito municipal
Por Redacción |