O lixo derivado da Covid-19: recollen 200 máscaras á semana das rúas do Grove
Por Redacción
O Plan especial de limpeza posto en marcha hai xa máis de dous meses polo Concello do Grove por mor da pandemia do coronavirus segue operativo cun reforzo do traballo de limpeza das rúas e constatou un cambio de hábitos da cidadanía vencellado á propia enfermidade: proliferan as máscaras tiradas na rúa.
O Concello do Grove considera que o dato máis preocupante está na recollida de máscaras e luvas. Como referencia, entre o 28 de xullo e o 3 de agosto retiráronse do chan das rúas do Grove 201 máscaras e 80 luvas.
Esta acumulación de lixo resulta, en opinión do Concello, "moi pouco tranquilizadora", dado o carácter especial destes materiais, que deben desbotarse adecuadamente no colector de lixo orgánico, preferentemente, de xeito separado co resto de refugallos do domicilio.
O Concello fai un chamamento á poboación para que sexa consciente da gravidade deste comportamento e para que teña especial coidado con estes elementos de protección, tan fundamentais no período actual.
Dentro deste plan especial, os luns, mércores, venres e sábados realízase un baldeo das rúas e dos colectores de lixo, mantendo a mesma frecuencia diaria de desinfección e lavado das papeleiras.
Relacionadas:
-
O Grove recibe unha doazón de 1.000 máscaras que repartirá nos colexios
Por Redacción |
-
A Policía Local do Grove tramita 30 propostas de sanción por incumprimento das "normas Covid" esta fin de semana
Por Oskar Viéitez |
-
Cambio de tendencia na xeración de residuos: durante o estado de alarma subiu e en xullo baixou
Por Noticia patrocinada |