Culpan ao "desleixo" das administracións do "deplorable" estado do encoro do Umia
Por Oskar Viéitez
Un verán máis o encoro do Umia tínguese de verde. Para a formación política Veciñanza de Cuntis esta imaxe, debida á contaminación por cianobacterias, "representa o abandono máis absoluto por parte das administracións".
Dende Veciñanza aseguran que os investimentos da Xunta de Galicia resultaron "inútiles" e engaden que "o desprezo tanto polo río como polos veciños e veciñas da comarca levárona a nin tan sequera publicar nunca os resultados do suposto tratamento con codia de eucalipto", que segundo os seus datos tivo un custe de máis de 382.000 euros.
Esta medida estaba incluída no "malogrado" Plan Umia xunto coas estruturas flotantes e o propio investimento prometido que "son hoxe a cara da vergoña dun organismo, Augas de Galicia, que ten neste río unha das maiores representacións da súa infame xestión".
Di Veciñanza que a propia Consellería "vese na obriga de decretar a alerta por contaminación cada ano durante os meses de verán". Neste 2020, a alerta está vixente dende o 16 de xullo. A contaminación espállase dende a presa da Baxe varios quilómetros río arriba, tinguindo de verde a zona da Pontenova, entre os concellos de Cuntis e Moraña.
"Entre o abandono e o desleixo da Xunta de Galicia e a indiferenza dos concellos de Cuntis, Caldas e Moraña, os veciños e veciñas da contorna ven como o problema medioambiental máis grave da comarca mantén o río Umia nun estado deplorable".
No caso de Cuntis, esta formación política tivo coñecemento de tres recentes sancións de Augas de Galicia por valor de 11.000 euros relacionadas con verteduras irregulares.
Veciñanza valora nestes momentos "novas iniciativas e de maior transcendencia que permitan que a loita por un medio vivo e digno non se reduza a slogans baleiros e actos simbólicos".
Relacionadas:
-
Envían unha carta desde o BNG á conselleira de Infraestruturas para alertala de que o Umia "é un morto en vida"
Por Redacción |
-
Nova compensación para Caldas, Cuntis e Moraña pola explotación do encoro do Umia
Por Redacción |
-
Caldas, Cuntis e Moraña reciben 392.000 euros do canon de explotación do embalse do Umia
Por Redacción |
-
As análises descartan a presenza de cianobacterias na auga potable de Caldas
Por Redacción |
-
O BNG de Caldas acusa á Xunta de "temeraria e irresponsable" polo seu silencio ante o estado do encoro do Umia
Por Redacción |
-
A USC estudará a incidencia das cianobacterias do encoro no proceso de potabilización da auga de Caldas
Por Redacción |
-
Inicio das obras de reforma da depuradora de Paradivas para evitar a proliferación de algas no encoro de Caldas
Por Redacción |