Exceso de alcol en todos os puntos de control policial establecidos o sábado en Marín
Por Redacción
O incremento de condutores ebrios ao volante é unha preocupación engadida á que está a facer fronte a Policía Local de Marín. Ante o aumento de casos que viña rexistrando, esta pasada fin de semana elevouse o número de controis constatando esta perigosa tendencia.
Así, a pasada fin de semana establecéronse controis en tres puntos diferentes do municipio e en todos eles detectáronse casos positivos de consumo de alcol e drogas entre condutores. Soamente na noite do sábado 1 de agosto, detectáronse dezasete infractores.
Oito persoas foron denunciadas por positivos tras as pertinentes probas de alcoholemia, e outras oito por detectarse inxesta dalgún tipo de droga. Ademais hai que engadir a apertura de dilixencias penais a un condutor que deu unha taxa positiva de alcol de 1,13 miligramos por litro de sangue en aire respirado; cando o límite é de 0,25. Isto é, cuadriplicaba o límite legal.
Nesta tesitura, a Policía Local insiste no perigo que conleva conducir baixo efectos de alcol e de drogas; tanto para quen conduce e acompáñalle no vehiculo, como para o resto de condutores e usuarios da estrada. Lembran que este tipo de infraccións poden derivar en penas de cárcere para os infractores.