O orzamento do Concello de Bueu permitirá a cancelación total da débeda financeira
Por Redacción
A corporación municipal de Bueu celebrou este martes, 11 de agosto, un pleno extraordinario no que se aprobou o Orzamento Xeral de 2020, despois de que se dese conta das alegacións presentadas ao mesmo e tras o informe desestimatorio do Interventor Xeral.
O orzamento fora aprobado inicialmente no pleno de xuño deste ano, e na exposición pública presentáronse unha serie de alegacións por parte dos grupos municipais PP e PSOE, un empregado do Concello de Bueu e a Federación de Empregados dos Servizos Públicos de UGT.
Respecto delas, o Interventor salienta no informe que "as cuestións propostas non teñen cabida nos motivos establecidos no artigo 170".
Así mesmo, apunta que "respecto a unha posible e hipotética insuficiencia de créditos para poder atender as obrigas que puideran derivarse ao longo do exercicio, os créditos das diferentes aplicacións orzamentarias poden aumentar ou diminuír acudindo á técnica da modificación orzamentaria".
A aprobación definitiva saíu adiante cos votos a favor dos grupos de goberno, BNG e ACB, e en contra do PP e PSOE. Neste sentido, Félix Juncal, alcalde da vila, apuntou que "os orzamentos son o reflexo da situación real do Concello e permitirán a cancelación total da débeda financeira, adiantándonos en tres anos ao período de amortización".
Tanto en gastos coma en ingresos, o orzamento municipal ascende a 6.275.000 euros. No capítulo de ingresos, os impostos directos supoñen 2.387.500 euros; os impostos indirectos, 125.000 euros; as taxas e outros ingresos, 572.600 euros; as transferencias correntes, 3.160.930 euros; os ingresos patrimoniais, 24.970 euros; e os activos financeiros, 4.000 euros; mentres que na parte de gastos, os diversos capítulos son os seguintes: a gastos de persoal destínanse 3.147.605 euros; a gastos en bens correntes e servizos, 2.166.645 euros; a gastos financeiros, 5.750 euros; a transferencias correntes, 779.000 euros; a investimentos reais, 106.500 euros; a activos financeiros, 5.000 euros; e a pasivos financeiros, 64.500 euros.
A aprobación dos orzamentos vai permitir que proximamente se poida aprobar o expediente de licitación do Servizo de Axuda no Fogar, cun incremento considerable no custe total, e que poidan convocarse as axudas para clubs deportivos e asociacións culturais, para as que se aumentarán as partidas económicas.