Os socialistas piden a cancelación da Festa Corsaria
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do PSOE de Marín ve con "preocupación" a celebración da Festa Corsaria deste ano xa que entenden que é "unha das poucas festas que se celebrarán en toda a provincia" e que supón "un risco innecesario para todolos marinenses ao concentrar centos de persoas, e por suposto tamén turistas e visitantes chegados de múltiples lugares".
Os socialistas sinalan que o incremento de contaxios en Galicia que nos sitúa co mesmo número de contaxios diarios que no pasado 30 de maio, unha circunstancia que está obrigando ás autoridades sanitarias e á Xunta a estudiar o peche de determinados concellos galegos para frear o incremento de casos.
Tamén engaden que estamos diante do arranque do curso escolar "con máis incertidume que se recorda" polo que, "dende o grupo municipal socialista non lle atopamos sentido a que se manteña a festa corsaria este ano".
Para os socialistas é "un risco" celebrar neste momento de incremento de casos de coronavirus en toda Galicia unha festa que terá desfiles polas rúas, espectáculos de voo, mercado medieval, concertos, espectáculos de lume, entre outras actividades e "onde é imposible evitar posibles aglomeracións ou controlar o aforo".
"Non entendemos o empecinamento en celebrar festas baixo calquera circunstancia. Amosa moito máis sentidiño a comisión de festas de Santomé que acaba de cancelar a Festa da Mazá e da Sidra que o noso goberno local. Agardamos que nunca teñamos que lamentarnos da celebración desta festa corsaria, que a todas luces supón un risco innecesario, e que dende logo a sorte se poña do lado dos marinenses ante a falta de sentido común do noso goberno municipal", conclúen nun comunicado.
Os socialistas solicitarán no pleno municipal desta semana "a cancelación dunha festa que nunca debeu ser plantexada". "Lle pedimos que non actúen dende a sorberbia se non dende a prudencia: é mellor cancelar agora que correr o risco de ter que lamentarnos máis tarde", afirman.
Relacionadas:
-
"Boa aceptación e afluencia" a unha Festa Corsaria en Marín que se reduciu a senllos mercados
Por Redacción |
-
Marín suspende a súa festa corsaria
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Este venres comeza en Marín a Festiña Corsaria
Por Redacción |
-
Unha "Festiña Corsaria" sen comidas, grandes actuacións nin batalla
Por Oskar Viéitez |