Caldas de Reis proxecta a rehabilitación do lavadoiro do Umia
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Infraestruturas e Obras, Manuel González, anunciou este mércores que o Concello de Caldas de Reis ten proxectadas actuacións de renovación da cuberta e de mellora do entorno do lavadoiro tradicional situado na ribeira do Umia, próximo á casa do Concello.
Como informou o edil, trátase dun ben catalogado no Plan Xeral de Ordenación Municipal e incluído no Catálogo do Patrimonio de Caldas de Reis, polo que goza de protección patrimonial. O Concello conta xa co proxecto técnico para a rehabilitación redactado por parte dos servizos municipais e tamén ten concedidas as autorizacións correspondentes por parte de Augas de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio que dan luz verde á obra.
O proxecto foi orzamentado en 17.316 euros e para a súa financiación o Concello botará man de diferentes subvencións.
O lavadoiro data de 1953 e foi construído integramente en granito con teito de tella, conformando un conxunto tradicional cuberto que hoxe en día preserva un importante valor etnográfico e patrimonial. Ademais, atópase situado fronte o Xardín Botánico declarado Ben de Interese Cultural e á súa beira hai un freixo histórico de folla estreita que resalta o interese paisaxístico do conxunto.