Demandan unha solución contra as pintadas en Raxó
Por Redacción
O grupo do Partido Popular de Poio, a través da súa edil Maritxe González, trasladou as denuncias dos veciños de Raxó polo vandalismo que se está a producir sobre o mobiliario urbano e distintas propiedades privadas da parroquia a través de pintadas e graffitis.
"Desde hai 15 días están aparecendo pintadas en contedores, marquesiñas de autobús, negocios, fachadas de edificios, etc. ", explica González, que subliña que o PP non culpa ao Goberno local das pintadas, pero "como responsables da seguridade pública e do mantemento dos lugares públicos si son responsables de buscar unha solución", entre outros métodos, incrementando a vixilancia na parroquia.
González recordou que o horario da policía local, que en Poio non dá servizo nocturno, "probablemente beneficia aos autores destas pintadas", pero pediu ao Concello que busque unha fórmula para localizar aos autores e que paguen os desperfectos ocasionados.
Finalmente, a concelleira popular recordou que estes actos non son comúns na vila, "nunca tivemos este problema ata agora" e "prexudican a imaxe dunha parroquia e nunha época nas que o turismo ten especial relevancia polo que esperamos que se tomen medidas para que non volvan suceder", rematou.