Dúas persoas feridas en senllos accidentes en Sanxenxo e Cambados
Por Oskar Viéitez
Dúas persoas resultaron feridas este mércores en senllos accidentes rexistrados na autovía do Salnés ao seu paso por Sanxenxo e na Avenida de Vilariño, no concello de Cambados.
No primeiro dos sinistros unha muller resultou ferida de carácter leve tras saírse do seu carril e chocar contra o gardarraíl do outro lado da estrada.
Segundo informaron desde o Concello de Sanxenxo, afortunadamente o vehículo que circulaba polo carril contrario puido esquivala, evitándose maiores danos.
Ata o lugar trasladáronse efectivos de Emerxencias Sanxenxo, o 061 e a Garda Civil de Tráfico.
MOTORISTA
En canto ao accidente de tráfico na Avenida de Vilariño o ferido é C.V.M. un home de 45 anos e veciño de Ribadumia.
Segundo informaron desde a Agrupación de Protección Civil, o ferido presentaba dor lumbar, cervical e dor no brazo esquerdo, foi trasladado ao Hospital do Salnés.
Instrúe dilixencias a Policía Local de Cambados.