Comezan as obras de acondicionamento das últimas plantas do edificio de Benito Corbal
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, asistiu este xoves en Pontevedra á sinatura da acta de replanteo que supón o inicio das obras da segunda fase de rehabilitación do edificio de Benito Corbal. Dáse así comezo aos traballos para acondicionar os catro últimos andares grazas a un investimento de máis de 800.000 euros.
A Universidade de Vigo ocupará as plantas da quinta á sétima e, segundo explicou o vicepresidente, será a propia institución académica quen decida que usos darlle a este espazo.
A Fundación Manuel Moldes situarase na oitava planta, e pasará a ser "unha referencia cultural" para Pontevedra, tal e como sinalou a viuva do artista, Carmen Díaz.
Os traballos, que comezarán este luns, centraranse fundamentalmente no acondicionamento interior. Ademais, na oitava planta vaise demoler parte do forxado para crear unha dobre altura que permita acoller as obras de grandes dimensións do pintor Manuel Moldes.
O investimento para acometer estas obras superará os 800.000 euros e espérase que poidan estar rematadas en marzo do próximo ano. Así, coa execución desta segunda fase, o investimento total en recuperar o edificio de Benito Corbal para a cidade ascenderá a máis de 5,6 millóns de euros.
Rueda destacou que con estes traballos o edificio estará "completado" e preparado para darlle "unha segunda vida". Precisou, ademais, que a licencia do concello recibiuse este mesmo luns, e a acta de replanteo asinouse nesta mesma semana porque "non queremos perder ningún tempo".
A primeira fase de recuperación deste edificio supuxo un investimento duns 4,8 millóns de euros e permitiu rehabilitar os andares que van do soto ao cuarto piso, nos que xa están funcionando as oficinas de emprego e locais de asociacións da cidade. Ademais, tamén se habilitaron outros espazos de usos xerais como un salón de actos.
Relacionadas:
-
A Xunta rematará en marzo a reforma dos últimos andares do seu edificio en Benito Corbal
Por Redacción |
-
A licenza de obra para completar o edificio de Benito Corbal "está en prazo", segundo o Concello
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta quéixase polo atraso na licenza para terminar a sede de Benito Corbal
Por Redacción |
-
A oficina do SEPE en Pontevedra recuperará a atención presencial o próximo 1 de xullo
Por Redacción |