As Xornadas de "Sanxenxo na Historia" premiarán a traxectoria de Ana Cancela
Por Redacción
As Xornadas de "Sanxenxo na Historia" convertéronse nunha cita indispensable no calendario cultural do verán do municipio. O alcalde, Telmo Martín, xunto á concelleira de Cultura, Paz Lago, e membros da Asociación Cultural de Estudos Locais (Aelos) presentaron este xoves o programa da undécima edición no salón de plenos.
Martín destacou "a calidade" dunha cita que este ano cambia de dirección organizativa con Alberta Lorenzo á fronte e que se celebrarán os días 26, 27 e 28 de agosto no Pazo de Emilia Pardo Bazán para garantir a distancia de seguridade e cumprir as medidas sanitarias anti- covid.
A presidenta de Aelos, Alberta Lorenzo, xunto ao vicepresidente, Rafael Fontoira e a secretaria, Angeles Marcos, encargáronse de debullar a programación das xornadas e de desvelar a premiada desta edición.
A actividade desenvolverase ao redor de tres mesas redondas que darán comezo ás 20 horas. A primeira versará sobre "Personaxes de Sanxenxo nas Indias" na que participarán Isidoro Sabell e Victoriano Otero. A segunda sesión, o xoves 27 de agosto, estará dedicada á "Arquitectura de Sanxenxo" con Alberta lorenzo e Juan Mario Crecente como relatoras. As xornadas concluirán cunha mesa redonda dedicada a "Emilia Pardo Bazán e Sanxenxo". Serán Ángeles Marcos e Marcelino Agís os que se encarguen de profundar na biografía e obra da escritora coa presentación do libro "Dona Emilia: A escritora en Miraflores" e o proxecto "Roteiro Emilia Pardo Bazán".
O broche de ouro das xornadas será o recoñecemento a Ana Cancela Murás a quen o xurado acordou entregar o galardón de Sanxenxo na Historia "pola súa labor ao fronte do Seminario de Estudos Locais e pola súa destacada traxectoria artística ao fronte de Belas Artes".
A concelleira Paz Lago destacou o lado humano da premiada nesta edición. "Ana Cancela fixo un gran traballo no Seminario de Estudos Locais, pero tamén me gustaría recoñecer a súa faceta persoal, unha muller sempre voluntaria e disposta a traballar por Sanxenxo en calquera actividade de índole cultural e social. Un traballo constante e sempre dende a sombra", apuntou Paz Lago.