As empresas pontevedresas Ovo e Era encargaranse de dinamizar e visualizar o mercado municipal
Por Redacción
A mesa de contratación adxudicaba este xoves dous contratos para desenvolver as actividades previstas no primeiro piso do mercado municipal tanto na área de dinamización do espazo como de comunicación.
O orzamento total ascende a 315.000 euros. Este programa desenvólvese en dúas anualidades. Ovo Publicidade S.L. ocuparase, por un importe de 202.690 euros, de dinamizar con actividades esta zona rehabilitada do mercado mentres que Era Comunicación S.L., cun orzamento de 109.889 euros, realizará o plan de comunicación.
A idea do goberno local é poñer en valor os produtos frescos de proximidade que se comercializan na planta baixa do Mercado pontevedrés. Está previsto que se realicen visitas escolares, actividades para público infantil e xuvenil con propostas temáticas, ademais de showcooking' s; charlas informativas relacionadas co mundo gastronómico e mercados de tempada.
Os fillos das praceiras e do persoal do mercado contarán con prioridade para as actividades infantís que se desenvolvan e prestarase especial atención á reciclaxe, á separación e compostaxe de residuos orgánicos, ademais de fomentar o uso de materiais reciclados.
En canto á comunicación están previstas campañas publicitarias tanto para medios convencionais como para os dixitais. Tamén está prevista a creación dunha páxina web e a proxección a través de redes sociais. Realizarase unha planificación estratéxica con campañas xerais e con outras estacionais.
Estes contratos están cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Pontevedra.