Aberto o prazo de solicitude de subvencións para rehabilitar edificios e vivendas na ARI de Caldas de Reis
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis informa que, tras terse publicado este xoves no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra o extracto das bases reguladoras, queda aberto o prazo para solicitar subvencións para a rehabilitación de edificios e vivendas na Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Caldas de Reis con financiamento do programa de Rexeneración e Renovación Urbana e Rural do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021.
O período para presentar as solicitudes permanecerá aberto por 3 meses. O Concello lembra que para tramitar as subvencións permanece habilitada a Oficina Municipal da Área de Rehabilitación Integral. Este servizo encárgase de xestionar e de ofrecerlles información e asesoramento aos veciños sobre estas axudas públicas. O servizo préstase nas dependencias do Concello todos os martes e xoves en horario de 08.00 a 14.00 horas baixo cita previa no 986 54 00 02.
Serán subvencionables todas aquelas actuacións que fomenten a mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas así como aquelas que procuren a conservación das edificacións, a mellora da súa seguridade e das condicións de accesibilidade. Así mesmo, as axudas poden destinarse á execución de obras ou traballos de mantemento e intervención nas vivendas unifamiliares e nos edificios, mesmo no interior das vivendas, nas instalacións fixas, no equipamento propio e nos elementos comúns, co fin de adecualos aos estándares previstos pola normativa vixente.
Todas as actuacións deberán dispor de licenza municipal e de ser o caso de autorizacións sectoriais previas. A totalidade dos proxectos contará, ademais, cunha bonificación do 95% no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) .
Poderán ser beneficiarias das axudas todas as persoas ou entidades propietarias, arrendatarias de longa duración ou ben titulares dalgún dereito sobre as vivendas a rehabilitar que se atopen dentro da ARI de Caldas e asuman a responsabilidade da execución integral da actuación.
A concesión das axudas outorgarase unha vez obtida a cualificación definitiva das actuacións. A contía máxima das axudas non poderá exceder, de forma individualizada, do 40 % do custo subvencionable da actuación. Esta porcentaxe máxima poderá ser do 75 %, se os ingresos da unidade de convivencia da persoa propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente na vivenda ou edificio son inferiores a tres veces o IPREM. Esta mesma porcentaxe aplicarase cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite na unidade de convivencia da persoa propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente na vivenda ou edificio, que existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.
Despois de térense rehabilitado 22 vivendas do casco histórico a través do programa de axudas da Prórroga do Plan Estatal 2013-2016, nesta segunda fase de desenvolvemento da ARI prográmase a restauración doutras 40, estimándose un custo de 360.000 euros para as actuacións de rehabilitación. Porén, o alcalde, Juan Manuel Rey, animou a toda a cidadanía a concorrer a esta convocatoria apuntando que "permitirá seguir avanzando na mellora e rexeneración da zona histórica da vila facéndoa máis habitable e atractiva ".
As bases completas da orde de subvencións poden consultarse no Boletín Provincial do 10 de agosto.
Relacionadas:
-
A subdelegada do Goberno destaca o compromiso de Caldas coa rexeneración do casco histórico
Por Redacción |
-
Caldas rexistra 55 solicitudes de subvencións para rehabilitar edificios e vivendas
Por Redacción |
-
Aberta a Oficina Municipal da Área de Rehabilitación Integral (ARI) en Caldas para tramitar as novas axudas
Por Redacción |
-
Un millón de euros para mellorar o firme en estradas de Vilanova, Vilagarcía, Caldas, Barro e Meis
Por Redacción |
-
Primeiros 26 pasos para a recuperación do casco histórico de Caldas
Por Redacción |