Os gansos do Nilo volven criar no Gafos
Por Oskar Viéitez
Durante estes días pódense observar na desembocadura do río Gafos e no peirao de As Corbaceiras un grupo de gansos de Nilo, trátase dunha parella de adultos e os seus cinco pitos.
A estampa familiar foi fotografada por numerosos pontevedreses, algúns dos cales deron para comer a estes animais que están incluidos no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras. O seu comportamento dominante e agresivo con outras aves provoca o desprazamento de especies autóctonas, chegando nalgúns casos á súa extinción. Ademais algunhas investigacións apuntan ao risco potencial de contaminación de augas por mor das súas deposicións en zonas de lecer e á posibilidade de converterse en transmisoras de enfermidades como a gripe aviaria.
A súa presenza na Boa Vila foi aumentando e a súa poboación chegou ata os 14 exemplares dos que se tiña constancia no mes de xuño (tres parellas adultas e oito gansos mozos), establecidos na contorna da praia fluvial, a desembocadura do Gafos e a Praza de San Xosé, así como un niño localizado en Augusto González Besada.
Por ese motivo e despois de que o Servizo de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, mediante un escrito remitido o pasado 5 de marzo, chamase a atención ao Concello sobre o "perigo da súa reprodución no municipio", o goberno local decidiu tentar atallar o problema.
Así a concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural puxo en marcha unha campaña de control desta especie, que consiste na retirada dos gansos por parte da firma especializada Larus Control, que os trasladará ao seu centro zoolóxico.
A campaña, que está previsto repetir anualmente, desenvolverase durante tres meses, e a captura das aves efectuarase mediante diferentes sistemas de trampeo nas súas zonas de alimentación e descanso, esencialmente as ribeiras dos ríos, evitando na medida do posible a tensión dos animais. Tamén se aplicarán técnicas de control de natalidade consistentes na procura e retirada de niños e ovos.