Agárdanse chuvias intermitentes nas Rías Baixas durante a fin de semana que pecha as festas da Peregrina
Por Redacción
Este venres 14, Galicia atópase baixo a influencia das altas presións, segundo o servizo de Meteogalicia. Os ventos sopran frouxos de compoñente oeste trasladando humidade ás Rías Baixas. Na franxa atlántica formaranse néboas costeiras e as temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro descenso mentres que as máximas continúan sen cambios significativos situándose entre os 14 e os 25 graos.
O sábado 15, a situación meteorolóxica continuará sendo moi indefinida. As altas presións atópanse retiradas ao oeste de Azores mentres que ao norte da península Ibérica se atopa unha zona de baixas presións. Agárdase un día de ceos máis nubrados na zona oeste, coa posibilidade de choivas intermitentes. As temperaturas situaranse entre os 15 e os 23 graos. Os ventos soprarán frouxos de compoñente sur, cun aumento para moderados ao longo da tarde.
Durante o domingo 16, coincidindo co remate das Festas da Peregrina en Pontevedra, non se esperan cambios significativos. Galicia manterase baixo a influencia do centro de baixas presións que se atopa no Cantábrico. Predominarán as nubes baixas, coa posibilidade de orballos durante a mañá na zona oeste da comunidade. Durante a tarde os ceos quedarán parcialmente cubertos. As temperaturas seguirán entre mínimas de 15 e máximas de 23 graos. O vento soprará frouxo do suroeste, aumentando a moderado durante a tarde.
O inicio da próxima semana non ofrecerá grandes cambios. As Rías Baixas manteranse entre as altas e as baixas presións, con circulación de ventos moderados do suroeste que atraerá humidade desde o mar. Os ceos seguirán nubrados coa posibilidade de choivas débiles e persistentes na zona oeste de Galicia. As temperaturas situaranse entre os 17 e os 24 graos.