O Concello prepárase para retirar 37 vehículos abandonados, unha Vespino e dúas bicis
Por Redacción
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, asinou e remitiu á empresa Automociones Catoira SL nas últimas semanas uns 40 oficios para a retirada e tratamento de vehículos abandonados nas vías públicas.
Deste xeito, despois de completarse o correspondente proceso administrativo, no que se instou aos interesados a retiralos e (posteriormente) se lles notificou a súa declaración como residuos sólidos urbanos sen que conste a interposición de recursos de reposición, o edil socialista dá luz verde a este centro homologado para que proceda a retirar 37 automóbiles.
Como dato anecdótico, nesta lista figuran unha Vespino 1201 abandonada na estrada de Pontevedra a Marín (PO-546), á entrada do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, e dúas bicicletas que alberga o Depósito Municipal.
Unha vez proceda á retirada dos vehículos en presenza da Policía Local, a empresa Automociones Catoira SL deberá expedir un documento xustificativo da súa recepción e emitir os correspondentes certificados de descontaminación e destrución. Estes certificados xustificarán a baixa definitiva en circulación do vehículo no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico.
Con esta nova ofensiva, o socialista Iván Puentes intensifica aínda máis a actuación contra os coches abandonados nas vías públicas dende que ocupou o cargo de concelleiro, ao seren importantes focos de infeccións e contaminación.
O edil de Desenvolvemento Sostible explica que "son ademais moitos os cidadáns que están a axudar na detección dos vehículos, o que permite iniciar con maior celeridade os procesos para dar co paradoiro dos propietarios e, en caso de resposta negativa, poñer en marcha os trámites para a súa retirada".
Relacionadas:
-
Malestar pola inseguridade que provoca a acumulación de coches abandonados en Tafisa
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A retirada de vehículos abandonados nas rúas de Pontevedra esténdese ás bicicletas
Por Redacción |
-
O Concello retoma a súa cruzada contra os coches abandonados na vía pública
Por Redacción |
-
Retirados quince coches abandonados nas rúas da capital nas últimas semanas
Por Oskar Viéitez |
-
A retirada do coche chabola do Pavillón abre a ofensiva do Concello contra os coches abandonados
Por Redacción |
-
O Concello declara residuos sólidos urbanos unha vintena de vehículos abandonados
Por Redacción |
-
Avanza a 'cruzada' municipal contra os vehículos abandonados na rúa coa vía libre á retirada de dez
Por Redacción |