Pontevedra suma un contaxio máis e Galicia chega aos 1.053 casos activos
Por Oskar Viéitez
Os casos activos continúan crecendo na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sumando este venres un contaxio máis, chegando a un total de 52.
Todos os hospitais da área mantéñense sen pacientes ingresados por Covid-19, de forma que todos os contaxiados recupéranse no domicilio.
Desde o inicio do plan de continxencia curáronse 931 persoas na área (mesma cifra que o xoves) e faleceron por este virus 16 enfermos.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade tamén informa que en Galicia hai este venres 115 casos máis que onte xoves. O total de enfermos xa supera o milleiro, 1.053, unha cifra que non se alcanzaba desde o 20 de maio.
Deles 618 son da área da Coruña (74 máis), 99 da de Lugo (seis máis), 73 da de Ourense (13 máis), 52 da de Pontevedra (un máis), 134 da área de Vigo (16 máis), 42 da de Santiago (un menos), e 35 da de Ferrol (seis máis).
Do total de pacientes positivos, 42 en unidades de hospitalización (dúas máis) e 1.011 no domicilio. Na actualidade non hai ningún paciente en UCI, cando este xoves había un.