Un espectador do concerto de Baiuca, denunciado por non levar máscara e encararse cos axentes da Policía Local
Por Redacción
Un espectador que asistía ao concerto de Baiuca foi identificado e denunciado para a súa sanción ao non levar posta unha máscara e encararse con axentes da Policía Local, cando durante o último tema do concerto da agrupación na praza de España decidiuse desaloxar o recinto ante a aglomeración de numerosas persoas.
Eva Vilaverde, concelleira de Seguridade Cidadá, indicou que se aplicou o protocolo de seguridade "sen maior relevancia". Segundo explica, o persoal de control de aforos do Servizo de Festas na parte final do concerto estimou que se estaba a aglomerar demasiada xente ao redor do recinto previsto para o evento. Por este motivo avisouse á Policía Local que activou o protocolo de seguridade.
Suspendíase o concerto e procedíase a desaloxar a praza. Primeiro retirábase ás persoas que se atopaban fóra do espazo limitado e, a continuación, desaloxábase ás persoas que permanecían na zona habilitada con cadeiras. Con este procedemento, segundo a concelleira, evitáronse máis aglomeracións na praza.
Vilaverde afirma que, durante o resto das Festas da Peregrina que afrontan a súa fase final, manterase activo este protocolo, que foi utilizado en dúas ocasións durante estes eventos festivos. A anterior ocasión foi nas pistas de Campolongo durante o concerto do grupo De Vacas. "Actuarase sempre que se considere que pode haber algún perigo", explicou a responsable de seguridade.
Desde o goberno local agradecen o comportamento responsable da cidadanía e solicitan que continúe sendo igual de coidadosa e actuando coa mesma responsabilidade que ata o de agora.
Todas as actividades de escenario durante as Festas atópanse limitadas e o público debe permanecer sentado en función do número de cadeiras que se establezan durante todo o espectáculo. Os 13 espazos escénicos son previamente desinfectados e ao final de cada actuación volven ser desinfectados. En todos estes recintos hai unha única porta de entrada e o público debe de pasar por unha alfombra húmedecida con produtos desinfectantes e, a continuación, por unha alfombra seca. Ademais, os espectadores están obrigados a levar máscara, a limpar as súas mans con hidrogel e seguir as indicacións do persoal de seguridade e dos acomodadores.
Relacionadas:
-
Haberá Feira Franca 2020 sen comidas particulares nin actos que poidan conlevar aglomeracións de público
Por Anxo Lourido |
-
Sanidade decreta o peche do lecer nocturno e a hostalería non poderá aceptar novos clientes a partir de medianoite
Por Redacción |
-
VÍDEO.- A Policía Local interrompe o concerto de Baiuca diante da aglomeración de xente
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz | Creada e actualizada