O Día da Galiza Mártir adáptase á situación sanitaria e pecharase cun concerto
Por María José Pita
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O monumento en memoria de Alexandre Bóveda na Caeira (Poio) foi o escenario este venres da presentación dos actos que o Concello de Poio e a Fundación Alexandre Bóveda van organizar o vindeiro luns 17 de agosto en conmemoración do Día da Galiza Mártir e que estarán repartidos entre os concellos de Poio, onde esa xornada será festivo local, e Pontevedra.
A programación na lembranza de Alexandre Bóveda, fusilado en Poio en 1936, e na de todos os asasinados e represaliados polo réxime franquista estará adaptada á situación actual da pandemia da covid. "Este ano vémonos obrigados a facer determinadas modificacións. Si que considerabamos de suma importancia seguir mantendo o que vén sendo o acto conmemorativo pero adaptado evidentemente á nova realidade e aos protocolos covid", manifestaba a concelleira de Memoria Histórica, Marga Caldas.
Este acto central, co que se inicia a programación do Día da Galiza Mártir, celebrarase ás 13:00 horas diante do monumento da Caeira, cunha ofrenda floral e a intervención do alcalde de Poio, a concelleira de Memoria Histórica e de Amalia Bóveda, a única filla viva do político galeguista. Haberá unha zona cortada ao tráfico que estará dotada dun número de cadeiras suficiente para acoller ao reducido número de persoas que se prevé acuda a este acto. Este control de aforo, a limitación das intervencións e mailo cumprimento da distancia de seguridade van facilitar manter as medidas sanitarias impostas pola pandemia.
Así mesmo, a situación sanitaria obriga a suspender o tradicional xantar organizado pola Fundación Alexandre Bóveda en Poio. Deste xeito, a seguinte cita do 17 de agosto estará ás 18:00 horas na Capela de San Amaro cunha misa conmemorativa.
A continuación, ás 19:00 horas, terá lugar a Ofrenda cívica xunto do sartego de Alexandre Bóveda no Cemiterio de San Amaro. De seguido, realizarase a entrega do Premio Galiza Mártir, que nesta ocasión recaerá en Antonio Nores, a título póstumo, polo seu labor á fronte da Asociación para a Memoria Histórica de Cangas. Neste sentido, Valentín García Bóveda, o vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, lamentábase de que se vaian perdendo persoas referentes neste eido. "O problema real é que hai unha xeración á que lle deberiamos entregar tres ou catro premios anuais para poder chegar a todos. Temos que elixir e por tanto ano a ano alguén desaparece".
O ano pasado, a entrega do Premio Galiza Mártir discorría no Parque Amalia Álvarez, nomeado en recordo da viúva de Bóveda e como exemplo de muller comprometida e loitadora. Pero a situación sanitaria leva aos organizadores a non diversificar escenarios e realizar este acto tamén en San Amaro.
Pecharase a xornada co Concerto de Galiza Mártir a cargo de Seso Durán na Praza de Riestra, no barrio da Caeira, ás 21:30 horas. Xosé Manuel 'Seso' Durán é o autor do disco "Son da memoria", ao redor do acontecido a partir do golpe de estado de 1936, especialmente nas comarcas de Pontevedra, O Morrazo e Vigo.
Este concerto será unha novidade para este ano, que os organizadores agardan que se consolide, nun intento de chegar a un público máis amplo e alternar así os actos institucionais coa cultura e o lecer. Precisamente o alcalde de Poio, Nito Sobral, manifestaba o seu desexo de que a xente máis nova colla o relevo neste traballo de recuperación da memoria: "espero que xeracións futuras sigan mantendo este tipo de actos e de recoñecemento a aqueles galegos e galegas, representados na figura de Bóveda que dalgunha maneira loitaron para construír un país novo, nun país distinto".
NOTA.- Por mor da climatoloxía prevista para o luns 17 e tamén debido ao protocolo Covid, dende a Fundación Alexandre Bóveda decidiuse mover a entrega do XV Premio Galiza Mártir ao acto institucional das 13.00 horas en Poio, onde será recollido por Matilde, a viúva de Antonio Nores. Mantense o acto civico das 19.00 horas diante do sartego de Alexandre e Amalia en San Amaro, mais como ofrenda.
Relacionadas:
-
Inauguran a mostra 'Galicia Mártir. Da queda do tempo republicano ao exilio'
Por Redacción |
-
Suspenden os actos de celebración do Día de Galiza Mártir na Caeira e Pontevedra por mor da chuvia
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Homenaxe plural a Alexandre Bóveda na Caeira
Por Oskar Viéitez |
-
O Día da Galiza Mártir vivirase por primeira vez no parque Amalia Álvarez de Pontevedra
Por Almu Dapena |
-
RADIO.- Valentín García Bóveda: "Debería ser o Día dos Mártires Galegos e conmemorar todo aquelo que construíron"
Por Marisa Ciordia |