Persoal da planta de Pneumoloxía en Montecelo, en corentena tras estar en contacto cun paciente positivo en Covid
Por Anxo Lourido
Un paciente que ingresou a semana pasada no Hospital Montecelo na área de Pneumoloxía deu positivo na proba PCR realizada nas últimas horas. Por este motivo, o SERGAS recoñece que se puxo en corentena ao persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) que mantivo contacto e que está en situación de risco ao atender a este paciente, que dera negativo no momento de ingresar no hospital.
Segundo fontes da Dirección do CHUP, este paciente positivizouse estando ingresado e nestes momentos continúa hospitalizado. O protocolo Covid, segundo o SERGAS, activouse en minutos a partir da comprobación do positivo e atópanse en corentena coas probas PCR realizadas e con resultado no caso dos profesionais de maior risco e contacto co positivo. Polo momento, todos estes profesionais deron negativo.
O dato concreto do persoal en seguimento non se vai a facer público por agora, segundo indican desde a dirección da xerencia, á espera de que se obteñan todos os resultados.
A información saltaba despois da denuncia dun dos pacientes que se atopa ingresado na planta de Pneumoloxía. Este home, que leva catro meses ingresado por enfermidade, sinalaba que os médicos da UCI recomendáronlle illamento nunha habitación individual. Pola contra, afirma que foi trasladado a un cuarto dobre da planta de Pneumoloxía, onde tamén ingresan os pacientes de Covid (o SERGAS recoñece dous casos ingresados este sábado 15 nesta área) e onde nas últimas horas detectouse o caso deste positivo que no momento do ingreso dera negativo na PCR.
Este paciente pregúntase en redes sociais que medidas, ademais das asumidas para o persoal, van adoptar co resto de ingresados e familiares que puideran ter contacto co paciente Covid mentres descoñecían que era positivo.
Segundo a Dirección do CHUP, o protocolo Covid na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés actívase cando así se require clínica e epidemiológicamente en calquera centro asistencial e que responde #ante as incidencias que xorden, sempre desde a coordinación entre os servizos sanitarios e os profesionais asistenciais.
Relacionadas:
-
O número de positivos por Covid-19 na área de Pontevedra chega á cifra de 60 persoas
Por Redacción |
-
Falece un home de 69 anos, ingresado por Covid-19 no Hospital Montecelo
Por Anxo Lourido |
-
Dúas persoas, hospitalizadas en Montecelo dos 59 casos de Covid 19 que se rexistran na área de Pontevedra-O Salnés
Por Redacción |
-
Pontevedra suma un contaxio máis e Galicia chega aos 1.053 casos activos
Por Oskar Viéitez |