Rompe o Bipartito de Vilaboa: o BNG deixa o goberno, pero apoiará a elección de César Poza
Por Redacción
O Bipartito PSOE-BNG que gobernaba Vilaboa desde as eleccións de maio de 2019 será historia. Os nacionalistas facilitarán que os socialistas sigan no Concello, pero decidiron deixar a coalición.
A decisión adoptouna por unanimidade a Asemblea Local do BNG de Vilaboa e é resposta, segundo explican, a tres motivos derivados da "actitude" que atribúen ao grupo socialista tanto antes como despois da decisión do xa ex alcalde, Francisco Costa, de deixar o cargo.
Así, reprochan o seu comportamento ao "invadir competencias asignadas no pacto de goberno aos nacionalistas" e tamén un "incumprimento reiterado de consensuar a acción de goberno" e que os socialistas fixeron unha "xestión apresurada e non consensuada" da crise xerada pola dimisión de Francisco Costa.
A Asemblea Local do BNG recoñece que a elección da persoa que sustituirá a Francisco Costa na Alcaldía corresponde ao PSOE, pero non comparte que o vindeiro alcalde sexa un candidato que ía no posto no 9 da lista, un número no que quedaría mesmo fóra dos teóricos postos de saída para unha maioría absoluta.
En opinión dos nacionalistas, é "unha estafa á cidadanía" e pon en entredito a valía dos compoñentes actuais do grupo de goberno socialista.
Aínda que está en desacordo con que o novo alcalde sexa César Poza, a militancia do BNG tamén anuncia que respectará a vontade da cidadanía nas pasadas eleccións municipais e facilitarán a elección do candidato proposto polo PSOE, como formación máis votada.
"A alcaldía en mans de César Poza supón unha fraude absoluta para o pobo de Vilaboa que confiou o seu voto maioritariamente á persoa de Francisco Costa fai 13 meses", insiste o BNG.
A militancia entende que esta era unha estratexia preparada hai tempo, xa que os rumores sobre a dimisión do ex alcalde eran "máis que notorios, e a actitude por parte da parte socialista do goberno "ía máis encamiñada a actuar como un goberno con maioría absoluta relegando o BNG a un plano meramente administrativo".
Segundo insistne os nacionalistas, o derradeiro exemplo disto foron as manifestacións do portavoz do PSOE no pleno municipal, nas que puxo en boca do BNG unha continuidade do pacto de goberno "sen sequera consensualo cos nacionalistas".
O BNG considera que vai ser "máis útil á veciñanza de Vilaboa" exercendo o seu traballo político dende a oposición, unha oposición que xa anuncian que vai ser "construtiva e propositiva".
Relacionadas:
-
César Poza estrea a alcaldía de Vilaboa cunha reestruturación do goberno local
Por Redacción |
-
César Poza convértese en alcalde de Vilaboa con maioría simple
Por Redacción |
-
César Poza, aposta do PSOE para substituír ao dimisionario alcalde de Vilaboa
Por Redacción |
-
Cisma no bipartito de Vilaboa tras a dimisión do alcalde: o BNG acusa de "desleal" ao PSOE e analiza a súa continuidade
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Francisco Costa deixa a alcaldía de Vilaboa tras 13 meses de mandato por "motivos persoais"
Por Redacción |