Asociación de Hostaleiros de Pontevedra: "estase a criminalizar o lecer nocturno polas actitudes irresponsables de determinadas persoas"
Por Redacción
A Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (HOEMPO) vén de emitir un comunicado en relación ao peche obrigatorio do lecer nocturno no que, segundo manifestan "queremos expresar o noso profundo descontento polo peche da hostalería nocturna, pola redución de horarios do resto da hostalería e polas formas de facelo efectivo".
O Ministerio de Sanidade decretaba o peche da hostalería en toda España a partir das 1.00 horas e que a partir das doce da noite xa non se permitise a entrada de novos clientes aos locais. Para os hostaleiros, esta medida é unha proba máis de que "se está criminalizando ao lecer nocturno polas actitudes irresponsables de determinadas persoas, persoas identificables e facilmente sancionables".
No comunicado lémbrase que precisamente as empresas de lecer nocturno "foron as primeiras en decidir pechar as portas antes do anuncio do confinamento obrigatorio, que despois foron as últimas en poder retomar actividade, e sobre as que se cebaron normativas radicais e sumamente detractoras da rendibilidade dos negocios".
Ademais engaden que sempre aplicaron as medidas de seguridade que determinaban as autoridades sanitarias, co gasto que isto supón, como contratar persoal de seguridade ou adaptar os locais ás necesidades de distancia e aforo "e que aínda así seguiron abrindo, porque hai moitas familias de Pontevedra que dependen destes negocios para poder comer".
Por estes motivos, desde HOEMPO manifestan a súa desconformidade en que se manteñan en pleno funcionamento outras actividades menos controladas:
"É inxusto e irrazonable que obriguen ao peche total a locais que poden ter terraza, e que á beira unha cafetería está aberta. É inxusto que obriguen ao peche total a locais mentres se están facendo concertos por todas partes. É inxusto que obriguen ao peche total a locais mentres se realizan eventos deportivos que si ou si condensan público e persoal de asistencia. É inxusto que obriguen ao peche total a locais mentres a mobilidade en transporte público e privado realízase sen ningún tipo de control".
Mesmo alértase desde a Asociación de Hostaleiros que cos peches dos locais vaise producir un aumento das festas privadas en casas e pisos "sen ningún tipo de control nin medidas de prevención que si que van carrexar un serio problema sanitario e social".
Por último, lamentan que a decisión de pechar o lecer nocturno a partir da unha da madrugada tomouse sen contar coas federacións de empresarios. "E o máis importante, sen ter indicios reais de que a Hostalería Nocturna estea a ser un foco transmisor", recalcan.
Ademais deste comunicado, os hostaleiros pontevedreses solicitaron a través do Rexistro do Concello unha reunión coa Concellería de Seguridade Cidadá para trasladarlle a súa inquietude por esta medida e ver que solucións se poden acordar.
Relacionadas:
-
O pontevedrés que cambiou a cámara polos fogóns e burlou a crise e a pandemia desde Holanda
Por Manu Otero |
-
O lecer nocturno, remiso a converterse en cafeterías, esixe a reapertura ou un rescate
Por Manu Otero |
-
A hostalería de Pontevedra pide axuda para salvar o sector cunha concentración en Vigo
Por Manu Otero |
-
O TSXG dá a razón á Xunta fronte aos hostaleiros e ratifica as limitacións ao lecer impostas pola Covid-19
Por Natalia Puga |
-
Reunión entre os Hostaleiros de Pontevedra e o Concello co compromiso de facer presión ante a Xunta
Por Redacción |
-
Sanidade decreta o peche do lecer nocturno e a hostalería non poderá aceptar novos clientes a partir de medianoite
Por Redacción |
-
As máscaras serán obrigatorias en discotecas e locais de lecer nocturno
Por Alejandro Espiño |
-
O lecer nocturno, pubs e discotecas, entre os últimos en retomar a súa actividade
Por Alejandro Espiño |