O Concello investirá 200.000 euros nun parque 'á carta' para os veciños de Pasarón
Por Redacción
A reforma do coñecido como parque de Pasarón, situado na rúa Luís Otero, estará deseñada ‘á carta’ polos veciños da contorna e custará máis de 200.000 euros, segundo deu a coñecer este luns o Concello de Pontevedra.
Este parque é un dos máis antigos de Pontevedra e, a pesar dos recentes traballos de limpeza e desinfección realizados pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, atópanse nestes momentos nun estado bastante deteriorado.
O concelleiro do ramo, Iván Puentes, deu a coñecer que priorizará a execución dun proxecto de reforma integral e que na súa redacción se vai implicar especialmente aos veciños, "para que poidan axudarnos a deseñalo 'á carta' en base aos seus desexos e necesidades".
O Concello xa convidou aos veciños a que fixeron as súas achegas coa instalación de carteis no propio parque. Así, convídase á cidadanía a que fagan chegar ideas, propostas, necesidades e comentarios para a reforma.
Segundo deu a coñecer Iván Puentes, en tan só unha semana, o servizo de Parques e Xardíns recibiu xa unha decena de correos electrónicos cunhas 50 propostas e algunhas delas son case como anteproxectos ou pregos técnicos, acompañados con exemplos e fotografías, o que "sen dúbida será de moita utilidade para a redacción do proxecto que temos en marcha".
Os veciños teñen á súa disposición a dirección de correo electrónico verdeurbano@pontevedra.eu para que poidan enviar as súas propostas de reforma do parque da rúa Luís Otero, que serán recollidas e analizadas polo equipo redactor do proxecto.
Unha vez que remate esta fase de redacción e cando se conte cun anteproxecto, este será exposto e consultado diante da veciñanza do contorno de Pasarón antes de proceder á licitación do proxecto definitivo. O concelleiro de Medio Natural prevé que a obra poida saír a licitación nos vindeiros meses por máis de 200.000 euros.
Relacionadas:
-
O parque de Pasarón terá canchas polideportivas, unha zona de calistenia e área para cans
Por Redacción |
-
Vencellar a reforma do parque de Pasarón á historia do Pontevedra C.F., unha das 100 aportacións veciñais a este proxecto
Por Redacción |
-
A nova normalidade sáelle máis cara ao departamento de Parques e Xardíns
Por Redacción |
-
Proxectan a reforma integral da Praza de Pasarón
Por Redacción |