A Xunta rifa ás navieiras pola súa relaxación nas medidas para evitar contaxios
Por Redacción
A consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta emitiu este luns un comunicado no que esixe ás navieiras que transportan visitantes ás illas do parque nacional Illas Atlánticas ao cumprimento das medidas de prevención fronte á Covid-19.
Despois das queixas dos usuarios que alertaron do incumprimento dalgunhas das medidas nos barcos de transporte público á illa de Ons, o executivo autonómico remitiu o escrito a todas as empresas para lembrarlle as súas obrigacións, que pasan por facer cumprir a distancia social entre persoas naqueles barcos con prazas de pé autorizadas. "Establécese como referencia de ocupación a de dous viaxeiros por cada metro cadrado", puntualizan no documento.
No mesmo escrito, fan fincapé na obrigatoriedade do uso da máscara, incluído o patrón; e a necesidade de manter a distancia social á hora de realizar embarques e desembarques.
Incumprir estas medidas poden constituír infraccións administrativas en materia de saúde pública que poderían conlevar as sancións recollidas na Lei 33/2011 do 4 de outubro.
Os usuarios amosaron en redes sociais como Twitter o seu malestar pola falta de medidas de seguridade sanitaria nestas viaxes. Pódese comprobar nesta publicación:
@Xunta los ferry de @piratasdenabia hacia las islas Ons van petados de gente sin controles, sin limpieza y sin gel. Hemos ido todos juntos como si estuviéramos sin pandemia. Cero medidas de seguridad en absoluto. pic.twitter.com/VvvkfdxClx
— Emiliano Cicero (@emi_cicero) August 13, 2020