Entran nunha vivenda da rúa Palamios pola fiestra e levan 50 euros e un móbil
Por Natalia Puga
Un veciño da rúa Palamios presentou unha denuncia ante a Comisaría da Policía Nacional relatando que cando chegou á súa vivenda este luns 19 de agosto as fiestras estaban abertas e alguén roubara 50 euros, un teléfono móbil e diversos obxectos.
Na súa denuncia relata que deixara as fiestras pechadas, pero apareceron abertas sen sinais de estar forzada nin fracturadas, de modo que descoñece como puideron actuar os responsables do roubo. Agora a Policía Nacional abriu unha investigación para aclarar o sucedido.
Fontes policiais confirmaron a recepción da denuncia, pero non se poden facilitar máis detalles do sucedido porque hai aberta unha investigación. Estase a intentar esclarecer considerando o sucedido como un roubo con forza, pois aínda que non hai sinais de que se forzase o acceso, a vivenda está no primeiro piso dun edificio, de modo que o ladrón ou ladróns tiveron que acceder subindo ou pola parede ou por unhas escaleiras, invadindo unha propiedade.
Transcendeu que os ladróns aproveitaron unha ausencia dos moradores da vivenda para entrar ao domicilio, pero descoñécese o momento exacto no que se produciu o roubo.