A pandemia tamén obriga a suspender a tradicional Danza das Espadas de Marín
Por Redacción
O Ateneo Santa Cecilia e o Padroado de Mareantes San Miguel de Marín anunciaron este mércores que, debido á situación actual da evolución da Covid-19, este ano 2020 suspenderase a tradicional Danza das Espadas.
A reunión da Xunta Directiva do Padroado de San Miguel acordou conmemorar o San Miguel no seu propio día, o martes 29 de setembro, pero con variacións nos actos tradicionais con respecto ás edicións anteriores. A decisión adoptouse en xuño e agora, despois de varios meses, e tendo en conta a evolución da pandemia, concretaron esas diferencias.
Desta maneira, indican que non será posible realizar a procesión nin se bailará a tradicional Danza das Espadas, pero si se realizará a solemne misa de San Miguel, na que se cumprirán os protocolos co fin de evitar a transmisión da Covid-19.
A directiva do Padroado reunirase nos vindeiros días para concretar a nova programación para esta festa declarada de Interese Turístico de Galicia, pois sinalan que "aínda que este é un ano atípico, non queremos ausentarnos do calendario cultural da vila marinense e que a cidadanía o celebre".
De momento, xa decidiron que van propor o engalamento de varias rúas e prazas coas bandeirolas de fotos da Danza, así como a colocación dos cubos didácticos onde se fai un repaso histórico da festa
Relacionadas:
-
Marín suspende a celebración da Virxe do Porto e o Día de San Miguel
Por Redacción |
-
A Alameda de Marín, escenario dun concerto de música clásica este domingo
Por Redacción |
-
A chuvia non impide que Marín festexe o seu San Miguel coa Danza de Espadas
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Marín prepárase para un novo San Miguel
Por Oskar Viéitez |