Feijóo propón que a máscara sexa obrigatoria nos colexios para profesores e escolares de máis de 6 anos
Por Natalia Puga
Alberto Núñez Feijóo anunciou este mércores que levará á próxima Conferencia de Presidentes unha proposta para que o uso da máscara sexa obrigatorio nas aulas durante o próximo curso escolar tanto para os profesores como para os alumnos de máis de seis anos.
O presidente da Xunta de Galicia en funcións deu a coñecer esta proposta tras unha reunión do comité clínico de expertos designado polo Goberno galego para a xestión da pandemia e explicou que estes especialistas "avalan" que se debe estender o uso das máscaras nas aulas.
"Paréceme que, salvo que haxa algún documento ou estudo de investigación que acredite o contrario, esa medida debe implantarse no próximo curso", sostivo Feijóo, que nesa Conferencia de Presidentes pedirá un protocolo unitario para a volta ao cole en todos os centros educativos de todas as comunidades autónomas.
No caso de que non se acorde finalmente un protocolo consensuado para toda España, el si incluirá no de Galicia que a máscara sexa obrigatoria "en todo momento", tanto nas aulas como fóra delas, en todos os recintos educativos.
O obxectivo é xerar unha "barreira" adicional á distancia de seguridade porque "entendemos que xa non é suficiente a distancia" baseándose en que hai "moitos elementos sanitarios, científicos e epidemiolóxicos" que avalan ese uso da máscara.
Para esa volta ao colexio en setembro Feijóo tamén deu a coñecer que a próxima semana empezarán a realizar test serolóxicos a todos os profesores de colexios públicos e concertados de Galicia, uns 40.000 na comunidade, e que se reforzará o persoal coa incorporación de 240 novos profesionais.
PROTOCOLOS NOS COLEXIOS DE VILABOA
Por outro lado, o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, visitou este mércores o CEP de Riomaior e o CRA de Paredes, en Vilaboa, co obxectivo de coñecer a aplicación do protocolo anti Covid-19 para a volta ás aulas nestes centros educativos.
Os dous colexios contan cun plan de continxencia no que se recolle de forma exhaustiva a redistribución de espazos e as medidas a adoptar a nivel de grupos, os medios de protección, a limpeza, o uso de espazos ou o protocolo de actuación en caso de detectarse algunha incidencia.
No caso do CEP de Riomaior, dividiuse o centro en tres niveis (1º e 2º de Primaria, 3º e 4º, así como 5º e 6º), de xeito que funcionarán coma tres colexios independentes, con entradas individuais e horarios diferenciados para que os alumnos no coincidan en zonas comúns. Ademais, fronte a cada aula haberá outra baleira e diferenciaranse os espazos do patio para que as aulas poidan saír tamén sen contacto coas outras aulas. Tamén contará cada grupo co seu propio baño.
No caso do CRA de Paredes, tamén se diferenciaron espazos para os 12 nenos que conformarán a escola este ano. Cada un deles contará coa súa propia caixa para deixar o seu material persoal (como chaquetas, merenda e material) e contarán cunha aula exterior para poder realizar actividades ao aire libre. Os recunchos e a biblioteca serán utilizados por un só neno de cada vez, e o baño será utilizado a través do sistema de semáforos.
Relacionadas:
-
As clases empezarán de forma escalada por cursos e os escolares deberán levar unha máscara de recambio
Por Redacción |
-
O curso escolar será presencial e os colexios permanecerán abertos aínda que haxa positivos
Por Natalia Puga |
-
Un profesor recolle 11.500 sinaturas reclamando unha volta ao cole segura que entregará este martes en Educación
Por Redacción |
-
O Concello de Poio acomete obras de mantemento dos colexios
Por Redacción |
-
A volta ao cole comeza con advertencias de folga contra o protocolo da Xunta
Por Redacción |