A borrasca pasa sen pena nin gloria polas Rías Baixas
Por Cristina Saiz & Redacción
A borrasca profunda denominada 'Ellen' resultou menos impactante do que se esperaba ao seu paso polas Rías Baixas durante a tarde noite deste mércores 19 de agosto. En Cuntis rexistrábanse ventos que alcanzaban os 92,7 quilómetros hora ao mediodía, segundo os datos ofrecidos polo servizo de MeteoGalicia.
En canto á choiva, en Pontevedra alcanzábanse os 23,3 litros por metro cadrado mentres que en Caldas obtíñanse 18,7 e na Lanzada (Sanxenxo), as precipitacións chegaban a 18,2 l/ m2.
Non se rexistraron incidencias importantes por estas condicións meteorolóxicas adversas, pero si foi necesario suspender actividades festivas como a prevista para a noite na praza da Ferrería de Pontevedra, Virar coa Gaita.
Para este xoves, MeteoGalicia avanza unha xornada de transición, con ceos con alternancia de nubes e claros en xeral. As temperaturas experimentarán un lixeiro descenso en xeral situándose entre os 16 e os 23 graos. Os ventos soprarán do suroeste, moderados. A medida que se achegue a fin de semana, entrará un anticiclón que irá incrementando as temperaturas.