Rompen unha porta da UXT para durmir no interior dun local do sindicato
Por Anxo Lourido
Na madrugada deste xoves 20 de agosto, algunha persoa sen teito decidía tirar abaixo un anaco da porta de UXT que dá á Praza da Estrela. O asaltante entrou no espazo que agora é utilizado como sala multidisciplinar dos integrantes do sindicato situado nos baixos do vello edificio sindical da rúa Pasantería.
Segundo indicaba Ramón Vidal, secretario comarcal de UXT en Pontevedra, os ocupantes durmiron no interior das instalacións despois de romper a porta pero non chegaron a levar ningún material de valor. "Había caballetes e unha estantería pero non os levaron", afirma Vidal.
O incidente súmase a outros que viñeron sucedéndose ao longo deste verán, coa entrada de persoas sen fogar para durmir no interior do edificio. Desta forma, Ramón Vidal recoñece que entraron, días atrás, no salón de actos do edificio sindical tamén para pasar alí a noite. Cando os ocupantes foron detectados por representantes sindicais mostraron unha actitude agresiva.
"Nestes momentos estamos preocupados polo tema da seguridade sanitaria", afirma Ramón Vidal, que sinala que o salón de actos se atopaba desinfectado e que a presenza destes ocupantes provoca unha complicación nas tarefas de limpeza para os sindicatos. Tamén temen que estas persoas poidan mostrarse violentas cos usuarios habituais do edificio, ademais de estar a ocasionarlles gastos polas desfeitas que causan no material.
Ante esta situación, na tarde deste xoves, o secretario comarcal de UXT ten previsto presentar unha denuncia na Comisaría Provincial da Policía Nacional, esperando que se adopten medidas de maior vixilancia na contorna da Ferrería.