Cuntis anima á veciñanza a participar na mesa da Asociación contra o Cancro
Por Redacción
A Praza das Árbores de Cuntis acolle este venres 21 de agosto un acto solidario da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) que, coa colaboración do Concello de Cuntis, celebra a súa tradicional cuestación para recadar fondos.
A mesa petitoria estará instalada en horario de mañá, entre as 10.30 e as 13.00 horas, cun equipo de voluntariado que seguirá todas as medidas de seguridade e hixiene. A recadación obtida durante esta xornada será destinada á prevención e investigación do cancro, así como á atención integral e apoio a pacientes oncolóxicos e os seus familiares.
A AECC realizou desde xaneiro de 2019 ata o 15 de agosto de 2020 en Cuntis sete intervencións por parte dos profesionais da asociación (seis en atención psicolóxica e unha en atención social) e 48 intervencións por parte do equipo de voluntariado no Hospital Provincial, Hospital Meixoeiro e Hospital Álvaro Cunqueiro. A AECC ofrece apoio e acompañamento aos pacientes con cancro e os seus familiares, educa en saúde e en prevención e financia proxectos de investigación oncolóxica para conseguir que o cancro sexa unha enfermidade que se poida previr, curable ou cronificable. Todos os servizos que ofrece a asociación son totalmente gratuítos.
Segundo informan desde a Asociación, durante o estado de alarma os profesionais da AECC Pontevedra e a rede de voluntariado atenderon as demandas e necesidades da poboación con cancro no ámbito psicolóxico, social e logopédico a través dos servizos telemáticos e dixitais. Ademais, tamén prestaron apoio emocional a todas as familias afectadas pola Covid-19, a aquelas que perderon a un ser querido independentemente da causa do falecemento e aos profesionais de servizos esenciais, para paliar o malestar emocional xerado por esta situación. Só na provincia de Pontevedra, a AECC realizou 4.893 intervencións entre o 16 de marzo e o 29 de maio.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, lembrou a colaboración regular do Concello coa AECC de Pontevedra na organización de campañas e animou a todos os cuntienses a apoiar de maneira solidaria a esta organización "que realiza unha labor tan importante tanto no eido científico como na atención e coidado a pacientes de cancro e ás súas familias". O rexedor sinalou que "a crise sanitaria da Covid-19 agravou en moitos casos a vulnerabilidade das persoas enfermas de cancro" e por iso, indicou, “apoiar esta causa é, se cabe, máis importante ca nunca”.
Relacionadas:
-
O programa da AECC de atención a enfermos avanzados chega a Cuntis
Por Redacción |
-
A AECC de Pontevedra supera as 1.500 intervencións desde o inicio da corentena
Por Redacción |
-
A AECC toma a vía telemática para axudar os pacientes durante a crise do coronavirus
Por Sara Iglesias |
-
A Asociación contra o Cancro axuda a resolver entre os seus beneficiarios as dúbidas en relación co COVID-19
Por Redacción |