O CITA converterase en 2021 no Centro de Interpretación da Cidade Medieval
Por Redacción
O Concello de Pontevedra prevé que o Centro de Interpretación da Cidade Medieval estea operativo o ano vindeiro. Con este obxectivo, vén de contratar a redacción do proxecto museolóxico por un importe de 17.303 euros.
A posta en marcha deste proxecto fora anunciada polo concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, no último trimestre de 2019, mais a súa tramitación viuse afectada por mor da suspensión de prazos derivada do estado de alarma.
A idea central desta iniciativa radica na posta en valor dos achados arqueolóxicos da cidade a través de diversas accións, como a organización de itinerarios para achegar este legado á sociedade con rigor histórico e artístico.
O proxecto implica adaptar o funcionamento do CITA (Centro de Interpretación das Torres Arcebispais) para reconvertilo no Centro de Interpretación da Cidade Medieval. Deste xeito, pasaría a funcionar como un centro de control de todos os achados da cidade, e tamén como centro de recepción de visitantes, así como punto de saída de roteiros sobre a historia de Pontevedra que programa a Concellaría de Patrimonio Histórico.
Os tres puntos clave deste proxecto son os espazos da praza de Valentín García Escudero, os restos da muralla medieval na rúa Arcebispo Malvar e o Campiño de Santa María, que se vincularán a través de percorridos interpretativos debidamente sinalizados e con paneis informativos.
Tamén está prevista unha actuación para mellorar a visita do xacemento de Valentín García Escudero, de tal xeito que se poidan ver mellor os restos do vello peirao medieval.
Segundo informan fontes municipais, "coa entrada en funcionamento do Centro de Interpretación da Cidade Medieval, Pontevedra incrementará a súa oferta cultural e turística dándolle protagonismo a unha época dourada na historia da cidade, centrada nos séculos XV e XVI, momento en que tiña o porto medieval máis importante da Galiza, do cal se conservan as estruturas de Valentín García Escudero", únicas en Galicia ao tratarse do único peirao medieval galego, neste caso vinculado á ponte do Burgo.
Relacionadas:
-
Limpan os espazos arqueolóxicos de Valentín García Escudero e Santa María
Por Redacción |
-
Cinco edificios do centro histórico serán recuperados nunha nova fase da ARI
Por Alejandro Espiño |
-
Acometen traballos para consolidar os restos arqueolóxicos de Valentín García Escudero
Por Redacción |
-
O CITA reabrirá este martes con limitación de aforo
Por Alejandro Espiño |