Ponte Sampaio, A Canicouva e Soutomaior volven saír á rúa contra o "desmantelamento da sanidade pública"
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un dobre crime rexistrado ao mediodía deste venres en Soutomaior obrigou a suspender o novo acto de protesta da veciñanza de Ponte Sampaio, A Canicouva e Soutomaior contra a política sanitaria do Servizo Galego de Saúde, ao que botan en cara deixar sen médico o centro de saúde de Ponte Sampaio, manter o consultorio de Romariz (Soutomaior) pechado desde hai cinco meses e realizar recortes de servizo que afectan a atención primaria e Pediatría.
O deputado do BNG no Parlamento de Galicia e voceiro do BNG en Soutomaior, Manu Lourenzo, compareceu este venres ante os medios de comunicación acompañado por integrantes da Plataforma Veciñal de Ponte Sampaio - A Canicouva para dar conta desta protesta finalmente suspendida e do camiño a seguir durante os vindeiros meses tanto pola veciñanza como polo BNG.
Ademais desta mobilización que pretedía saír da ponte medieval de Ponte Sampaio, para os vindeiros días e semanas teñen xa en mente varias protestas para continuar na liña das xa realizadas nos últimos meses, desde que a Xunta de Galicia optou por pechar os consultorios de Ponte Sampaio e Romariz en plena pandemia. O de Ponte Sampaio abriu de novo, pero sen médico e a veciñanza pensa continuar coas protestas ata que se recupere o servizo.
De cara a un futuro próximo, barállase unha protesta de maior tamaño con veciñanza de todo o fondo da Ría de Vigo que poña sobre a mesa a situación que se vive tamén noutros concellos próximos como Vilaboa e, a nivel político, Manu Lourenzo anunciou que levará esta situación ao Parlamento de Galicia.
Na protesta estaba prevista a presenza de veciñanza de Soutomaior, Ponte Sampaio e A Canicouva e tamén da deputada do BNG e vicepresidenta do Parlamento galego Montse Prado e os concelleiros do BNG en Pontevedra Carme da Silva e Xaquín Moreda. O BNG decidiu finalmente aprazala en sinal de loito polas dúas mulleres asasinadas -irmá e sobrina do autor do crime- e estudará outro día para a súa realización.
Manu Lourenzo lembra que o peche destes dous consultorios obriga á veciñanza destas parroquias a desprazarse varios quilómetros para ter atención médica, cos gastos económicos asociados para pagar taxi ou transporte público e tamén con dificultades en canto á atención, pois moitas veces deben molestar a veciños para que os acompañen e pasan de ter un médico ao carón da casa a ter que acudir ao centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra.
No caso de Soutomaior, ademais, a política sanitaria que denuncian o BNG e a plataforma veciñal implica que os pacientes teñan listas de agarda de ata 10 días para unha cita en atención primaria telefónica e afecta á calidade da propia asistencia, facendo que moitos cidadáns teñan que optar por acudir aos servizos de Urxencias ou á sanidade privada. Neste concello, denuncian que hai uns cupos sanitarios desorbitados (1.800 pacientes por médico) e que non se cobren as baixas nin as vacacións dos profesionais sanitarios.
O deputado nacionalista por Pontevedra destacou que a veciñanza afectada está a dar un "exemplo de dignidade e de loita en defensa dos servizos esenciais" ao mobilizarse contra un problema que afecta a 10.000 persoas de Ponte Sampaio e Soutomaior, que "non teñen un servizo sanitario minimamente digno".
Na súa opinión, o Sergas "trata de tapar con escusas técnicas unha cuestión política", que é "o desmantelamento da sanidade pública" e tratar de favorecer a sanidade privada e a resposta que se atopa é que a veciñanza "si da a cara e se está a rebelar contra a situación".
"Non imos parar, non imos desistir ata que a situación se solucione", asegurou Lourenzo, moi crítico coa "situación vergoñenta" e coa política sanitaria do PP, que "leva no seu ADN" ir en contra da sanidade pública.
Relacionadas:
-
Poboación de Ponte Sampaio, A Canicouva e Soutomaior reclama un servizo sanitario digno
Por Redacción |
-
Un biombo e unha porta permitirán adaptar o centro de saúde de Ponte Sampaio ao protocolo anti Covid-19 e recuperar a atención médica
Por Natalia Puga |
-
A veciñanza de Ponte Sampaio lamenta que o Sergas non concrete data para o regreso do médico
Por Redacción |
-
A Xerencia comprométese a manter o servizo de medicina e enfermaría no consultorio de Ponte Sampaio
Por Oskar Viéitez |
-
Velorio en Ponte Sampaio para escenificar "a morte da sanidade pública" na parroquia
Por Redacción |
-
A corporación insta ao Sergas a repoñer "sen máis dilación" o médico en Ponte Sampaio
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A área sanitaria afirma ser a "primeira interesada" en retomar a atención en Ponte Sampaio
Por Redacción |