Policía Nacional e Guardia Civil intensificarán a vixiancia nas zonas de ocio nocturno e nos botellóns
Por Redacción
Vixiar as zonas de lecer nocturno da provincia, especialmente durante as fins de semana, é a principal conclusión da reunión mantida este venres entre a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, e o coronel xefe da Garda Civil de Pontevedra, Simón Venzal; o comisario xefe da Policía Nacional en Vigo, Carlos Valcárcel; e sy homólogo accidental en Pontevedra, Camilo Loureiro.
O encontro telemático serviu para planificar os operativos necesarios para previr o avance da pandemia. Neste sentido, as autoridades farán especial fincapé en evitar posibles concentracións de persoas que poidan albergar botellóns. Esta campaña intensificarase nas grandes cidades da provincia, así como naquelas vilas que, con motivo do verán, ven incrementada a súa poboación con presenza de turistas e persoas foráneas.
Larriba quixo facer un chamamento "á responsabilidade individual da cidadanía, vital para frear a escalada de contaxios que se vén rexistrando nos últimos días", declarou a subdelegada.
Doutra banda, a reunión serviu para dar conta das actuacións realizadas desde a entrada en vigor dos decretos da nova normalidade. Neste período os corpos e forzas de seguridade do Estado interpuxeron preto de 1.000 denuncias pola ausencia de máscara.
Con todo, a subdelegada quixo poñer en valor "a responsabilidade da cidadanía no cumprimento das normas, así como a colaboración do sector da hostalería no cumprimento dos novos horarios e na prohibición de fumar nas terrazas".