250 troncos de cores nas prazas de Caldas para sensibilizar á poboación coa campaña 'Camiñando cara a igualdade'
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis, a través da concellería de Benestar Social e Igualdade, continúa coa campaña 'Camiñando cara a igualdade', que conxuga a ambientación urbana co Camiño de Santiago e a perspectiva de xénero.
Tras iniciarse cunha proposta de ornamentación urbana nas rúas Real, Fornos e Laureano Salgado, a campaña segue a mesma liña de traballo coa colocación de 250 troncos pintados de cores con palabras que reforzan a mensaxe principal da obra na Praza das Palmeiras, na Praza do Camiño, Praza da Alhóndiga e no Campo da Torre. Os toros pertencen a carballos e outras árbores que no seu día e, por criterios técnicos, tiveron que ser obxecto de poda ou tala na Carballeira e no Xardín Botánico, de modo que tamén se contribúe a darlles unha segunda vida e mantelos na memoria.
Como sinala a creadora local autora da actuación, Eva Rey, "a proposta une nun mesmo título conceptos como son o Camiño de Santiago e a igualdade de xénero, que son suficientemente importantes como para formular a reutilización das árbores que tiveron que sanearse en dous dos espazos naturais máis emblemáticos de Caldas. Poucos materiais transmiten tanta fortaleza e calidez como a madeira e estes conceptos tamén se identifican co xénero feminino". Ademais de carballos, os troncos pertencen a especies como a casuarina, o plátano, a criptomeria, o freixo, o chopo e a catalpa, entre outros o que, segundo a autora, "tamén reforza a idea de igualdade e diversidade".
Trátase, pois, dunha actuación funcional que tamén promove a interacción do espectador coas pezas que, como describe Eva Rey "se poden entender como pasos que ademais de adornar as prazas polas que pasa o Camiño de Santiago fomentan a interactividade e o intercambio de experiencias por parte de veciños e visitantes". Os troncos teñen escritas palabras relacionadas coa igualdade e o empoderamento feminino escritas en galego, castelán e inglés, co obxecto de espertar interese e sensibilizar tanto a veciños como a persoas chegadas doutras partes.
A concelleira de Igualdade, Inés Fuentes, mostrouse moi satisfeita co resultado desta nova iniciativa posta en marcha no marco da campaña "Camiñando cara a igualdade" afirmando que "está tendo unha magnífica acollida polo impacto visual que causa, pola cor que lle dá ás prazas e, sobre todo, polas emocións que esperta coas mensaxes para concienciar cara a igualdade".
A iniciativa está financiada a través dunha subvención concedida polo Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade en relación ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Relacionadas:
-
Caldas programa un mes de actividades ao redor do Día Internacional da Muller
Por Redacción |
-
Manteis hixiénicos, promocionais e igualitarios para apoiar á hostalería de Caldas
Por Redacción |
-
O Camiño de Santiago e a perspectiva de xénero, unidas na campaña de Caldas "Camiñando cara a igualdade"
Por Redacción |