O Concello de Poio acomete obras de mantemento dos colexios
Por Redacción
Como cada verán, o Concello de Poio está a acometer diferentes obras de mantemento, pintado, limpeza e posta a punto nos centros educativos do municipio. A concelleira titular deste departamento, Raquel Rodríguez, pasou revista a estes traballos durante os últimos días e lembrou que a Administración que estas tarefas realízanse todos os anos, tendo en conta as necesidades de cada centro.
O Concello leva a cabo estes traballos nun contexto marcado pola "absoluta incerteza" sobre o inicio do vindeiro curso escolar. Neste sentido, Rodríguez Alonso ve "moi grave" que a Xunta de Galicia aínda non achegase ningunha pauta concreta sobre a nova tempada lectiva 2020-2021.
"Máis alá de impulsar un protocolo que pensa máis nos aspectos económicos que na comunidade escolar ou nas familias, e que non foi consensuado con ninguén, a Consellería de Educación parece que só se limita a pasarlle a pelota ao Goberno central, sen asumir ningunha medida ou proposta para facilitar que os centros educativos poidan garantir a seguridade das crianzas e do profesorado", critica Raquel Rodríguez, que vai máis alá ao sinalar que "non é de recibo que nos atopemos nesta situación cando estamos practicamente a finais de agosto, a apenas unhas semanas vista da data prevista para o comezo do curso escolar".
A concelleira de Educación ten previsto manter unha reunión con representantes das Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (ANPAS) de Poio, así como con directores e directoras dos colexios e do IES, para abordar esta cuestión. Este será o segundo encontro que Rodríguez manteña co tecido educativo, logo da cita celebrada a finais de xullo, tamén sobre este tema.
O Concello ten claro que o protocolo elaborado pola Xunta con motivo da Covid-19 "supón una enorme dificultade ao que á súa aplicación se refire". A concelleira do BNG augura que, en caso de que a Administración autonómica non modifique este documento, "será inviable asumir servizos como o Plan Madruga o similares, cos problemas que iso causará ás familias".
Esta non é a única medida que impulsará a Concellería de Educación, xa que tamén ten previsto remitir un escrito á Xunta de Galicia para instarlle a que asuma os traballos de desinfección e a dotación de material de protección necesarios para garantir a seguridade nos centros educativos.
Relacionadas:
-
Poio dobrará a achega municipal para os comedores escolares
Por Redacción |
-
Poio continúa co proxecto de dotación de fibra óptica a todo o municipio
Por Redacción |
-
As instalacións municipais de Poio contarán cun protocolo unificado de medidas para o seu uso
Por Redacción |
-
A volta a clase centra o debate no pleno de Poio
Por Redacción |
-
Critican que Tino Fernández fixo un uso "parcial" dunha reunión cos directores dos colexios pontevedreses
Por Redacción |
-
Feijóo propón que a máscara sexa obrigatoria nos colexios para profesores e escolares de máis de 6 anos
Por Natalia Puga |
-
Tino Fernández insta a Feijóo a buscar "xa" un acordo co Concello para a limpeza dos colexios
Por Redacción |
-
Desacordo na corporación municipal de Marín sobre as medidas para garantir o inicio do curso escolar
Por Oskar Viéitez |