Cuarto atraco en dez días, o último nun supermercado de Marín
Por Natalia Puga
Este xoves 22 de agosto tocoulle a un supermercado da cadea Día na rúa Francisco Landín Pazos de Marín. Foi vítima dun atraco, o cuarto que se rexistra nun establecemento de alimentación de Pontevedra e arredores nun prazo de dez días cun modus operandi similar.
Fontes policiais confirmaron este novo atraco e tamén que os investigadores teñen abertas todas as liñas de investigación, pero unha das que cobra maior forza é a hipótese de que os catro delitos fosen obra da mesma persoa. Trataríase dun home de mediana idade e bastante estatura, pero os seus trazos faciais non se coñecen con certeza porque nos catro atracos o individuo que os perpetrou levaba a cara practicamente tapada.
O modus operandi repítese e tamén a hora e descrición física do autor, se ben ata agora os roubos se produciran en establecementos comerciais da capital e agora se produciron en Marín. O supermercado é o segundo da cadea Día desta semana, despois de que o martes se atracase o da rúa Echegaray de Pontevedra.
Como xa aconteceu o luns 12 de agosto na panadaría La Seca da rúa Augusto González Besada, o martes 20 no supermercado Día de Echegaray e o mércores 21 no Moldes da rúa Bélxica de Monte Porreiro, o autor deste atraco ía armado cunha pistola e intimidou a caixeira para reclamarlle o diñeiro que había na caixa. Tamén actuou a pleno día, entre as 14.30 e as 15.00 horas.
Nesta ocasión, non transcendeu a cantidade de diñeiro que logrou levar o ladrón e tampouco se se foi andando polo centro de Marín ou utilizou unha moto, como fixo o mércores en Monte Porreiro. En canto aconteceu, dende o establecemento alertaron a Policía Nacional e estableceuse un dispositivo de busca, pero non deu os seus froitos.
A investigación asúmea, de momento, a Comisaría local de Marín, pero non se descarta que nas próximas horas pase ao equipo da Comisaría de Pontevedra que xa está a traballar para esclarecer os outros tres atracos. De momento, os policías nacionais marinenses estanse encargando de tomar declaración a vítimas e testemuñas e recoller probas no supermercado.