Pontevedra toma a decisión "moi dolorosa" de suspender todo o relacionado coa Feira Franca
Por Natalia Puga
O Concello de Pontevedra decidiu "reconsiderar" a celebración da Feira Franca 2020 e finalmente optouse por suspender todos os actos relacionados con este festexo. A semana pasada o goberno local xa anunciara a celebración dunha festa moito máis reducida para este ano, case simbólica, con decoración nas rúas e comidas e ceas nos locais de hostelería, pero sen actividades paralelas nin comidas particulares. Finalmente, unha semana despois, deron un paso máis e todo queda suspendido.
A concelleira de Festas, Carme da Silva, anunciou este luns a decisión, que asegura que é "moi dolorosa", pero que toman porque a situación epidemiolóxica de toda Galicia é "mala" e é o momento de adoptar decisións responsables para evitar a expansión da pandemia do coronavirus.
A edil sinala que a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés "non é das que peor está" en Galicia, pero a situación "non é boa" en ningún lugar, por iso é polo que chegaron a esta decisión.
Trátase dunha medida adoptada "por responsabilidade" e "para que non haxa confusión" de ningún tipo sobre a posible celebración da festa, que xa se converteu en toda unha tradición o primeiro sábado de setembro.
"Non sería responsable trasladar socialmente que hai unha festa cando non é así", insiste Carme da Silva, por iso detalla que ese sábado 5 de setembro os locais de hostelería de Pontevedra poderán ter o mesmo tipo de actividade que calquera outro sábado do verán e, en todo caso, adaptarse ás restricións ou normas en vigor nese momento, pois a situación cambia por momentos e ese sábado pode haber unha normativa diferente derivada da emerxencia sanitaria.
Para evitar confusións, persoal municipal visitará nos vindeiros días todos os locais do coñecido como recinto da Feira Franca, no casco histórico, para informar persoalmente da suspensión da festa.
Relacionadas:
-
Segundo ano sen Feira Franca en Pontevedra: o Concello ve "inviable" a súa celebración
Por Natalia Puga |
-
Haberá Feira Franca 2020 sen comidas particulares nin actos que poidan conlevar aglomeracións de público
Por Anxo Lourido |
-
As festas de Pontevedra ofrecerán máis de 300 actividades para "volver a vivir a cidade"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |