O incendio na estación de bombeo de Monte Porreiro non afectou o abastecemento e os danos xa están reparados
Por Redacción
O incendio que na noite do pasado venres afectou á estación de bombeo do río Lérez en Monte Porreiro non causou problemas en canto ao abastecemento de auga de Pontevedra e o resto de puntos que reciben subministración desde a capital e as instalacións xa están recuperadas e funcionando con total normalidade.
Así o asegurou este luns Carme da Silva, portavoz do Goberno local de Pontevedra. Segundo explicou, nin o día do incendio nin os posteriores houbo problema de abastecemento de auga á poboación porque o sistema ten dous puntos de captación de auga, nesta estación de bombeo e no encoro do Pontillón, e en canto se detectou o incendio activouse o outro.
O lume declarouse ao redor das 22:20 horas da noite do venres no cadro eléctrico de baixa tensión que dá servizo ás instalacións e puido ser controlado con rapidez sen que se propagase polo resto do edificio, pero si deixou inoperativas dúas bombas do sistema de abastecemento de auga.
Respecto diso, Carme da Silva explicou que normalmente hai dúas bombas en funcionamento, pero na estación hai máis bombas instaladas, de modo que se activaron outras dúas e púidose restablecer o funcionamento da estación.
Ao día seguinte do incendio, o sábado, os técnicos realizaron unha revisión completa das instalacións por se se detectaba algún outro problema e o domingo xa funcionaba todo con normalidade. De feito, o domingo a captación xa volveu realizarse desde este punto e non desde o encoro.