Un profesor recolle 11.500 sinaturas reclamando unha volta ao cole segura que entregará este martes en Educación
Por Redacción
Un profesor do IES de Rodeira, en Cangas, recolleu nas últimas semanas máis de 11.500 firmas, a través da plataforma Change.org. Estes apoios van destinados a pedir á Consellería de Educación da Xunta de Galicia unha volta segura aos centros escolares da comunidade para partir do mes de setembro.
As firmas entregaranse este martes no rexistro da Xunta en Campolongo. A entrega vai levarse a cabo 48 horas antes de que se celebre a Conferencia Sectorial onde as autoridades estatais sanitarias e educativas tratarán coas comunidades autónomas a organización da volta ao colexio e as medidas que hai que adoptar ante a crise sanitaria provocada pola Covid-19.
"Non podemos quedarnos cegos e mudos abandonando á súa sorte a cada centro, coma se a prevención da propagación da COVID-19 fose unha mera cuestión de xestión organizativa de cada escola e non un compromiso decidido, claro e planificado dos responsables para xestionar a política educativa no noso país", afirma este profesor que puxo en marcha esta iniciativa dentro das numerosas peticións realizadas por familias e profesorado de distintas comunidades autonómas baixo a etiqueta #VueltaSegura.
Estas iniciativas reclaman planificación, dotación de medios, aportación de tecnoloxía, espazo e persoal para evitar aglomeracións nos centros de educación e situacións de perigo de expansión da pandemia entre a comunidade escolar.
Relacionadas:
-
Pérez Ares, xefe territorial de Educación, revisa o protocolo anticovid no CEIP de Tenorio
Por Redacción |
-
A FANPA avisa que o tempo para negociar "estase esgotando" e mantén a suspensión dos comedores escolares
Por Diego Espiño |
-
A volta ao cole comeza con advertencias de folga contra o protocolo da Xunta
Por Redacción |
-
Feijóo propón que a máscara sexa obrigatoria nos colexios para profesores e escolares de máis de 6 anos
Por Natalia Puga |