Un biombo e unha porta permitirán adaptar o centro de saúde de Ponte Sampaio ao protocolo anti Covid-19 e recuperar a atención médica
Por Natalia Puga
O centro de saúde de Ponte Sampaio está un pouco máis preto de recuperar a atención sanitaria normal que perdeu coa chegada da pandemia do coronavirus. Primeiro pechouse por completo e logo abriuse sen médico ao argumentar o Servizo Galego de Saúde que o edificio non reunía as condicións para ter atención médica e de enfermería cumprindo o protocolo anti Covid-19. Agora, cinco meses despois, o Concello de Pontevedra asumirá unhas pequenas obras que poderán solucionar a situación.
A portavoz do Goberno local, Carme da Silva, explicou este luns que finalmente "parece" que o Sergas atendeu as esixencias do Concello e dos veciños de Ponte Sampaio e A Canicouva e hai dúas semanas responsables da Consellería de Sanidade e do Concello visitaron o consultorio para analizar a situación.
Nesa visita, o Concello ofreceu á Consllería de Sanidade outro local municipal para facer obras e trasladar o centro de saúde, pero os técnicos da administración autonómica recoñeceron que non sería necesario, pois cunhas pequenas obras as instalacións poderían quedar adaptadas aos protocolos sanitarios e recuperar o funcionamento normal.
Esas obras serían, en concreto, instalar un biombo de separación nunha zona do edificio e converter unha xanela en porta noutro punto, para poder establecer circuítos diferenciados de entrada e saída para evitar contaxios. Para axilizar todos os trámites, o Concello de Pontevedra ofreceuse a financialas e o Sergas explicou aos responsables municipais que, unha vez executadas, poderíase recuperar a actividade normal.
Carme da Silva matiza que non se atreve a falar en nome doutra administración e, por tanto, non asegura que en canto terminen esas obras se recuperará o médico no centro de saúde, pero si fai público que desde o Sergas trasladóuselles que con estas obras o consultorio estaría preparado para recuperar unha asistencia sanitaria plena, de modo que o problema quedaría resolvido.
"A partir dese momento, se o Sergas non restablece a actividade sanitaria, será por outra razón", indica Carme da Silva, que pon o foco sobre o feito de que o problema era "moi fácil de resolver" e podería solucionarse hai moitos meses, evitando á poboación de Ponte Sampaio e A Canicouva cinco meses sen atención sanitaria plena e trasladados ao ambulatorio Virxe Peregrina de Pontevedra para poder ter médico.
As obras aínda non teñen data de execución porque o mes de agosto é complicado para moitas subministracións, pero o Concello xa avanza que contratará as obras pola vía de emerxencia e que este mesmo martes técnicos do Sergas, o Concello e a empresa visitarán o centro de saúde para realizar as medicións necesarias e saber que material encargar.
A partir de aí, poderán empezar as obras. Será tras un gasto de "uns poucos miles de euros", aínda que o prezo final aínda se descoñece. En todo caso, Carme da Silva indica que é " unha cantidade moi pequena para a prestación que se consegue", pois pon fin a meses de molestias para a poboación da zona.
A portavoz municipal insiste en que "puideron estar feitas xa", pero que todo se complicou pola interferencia política do Partido Popular de Pontevedra. " Puideron estar feitas antes se non tivese intervido o PP local neste asunto", reitera, e considera unha "lástima" tardar tanto en resolver o problema.
Relacionadas:
-
Indignación en Ponte Sampaio por outro mes sen médico: "En agosto estamos todos sans? Ou é que somos de segunda?"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Rematan as obras no Consultorio de Ponte Sampaio e o Sergas confirma a incorporación do médico este luns 14
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O consultorio médico de Ponte Sampaio estará adaptado ás peticións do Sergas o luns 14 de setembro
Por Anxo Lourido |
-
Poboación de Ponte Sampaio, A Canicouva e Soutomaior reclama un servizo sanitario digno
Por Redacción |
-
Ponte Sampaio, A Canicouva e Soutomaior volven saír á rúa contra o "desmantelamento da sanidade pública"
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Velorio en Ponte Sampaio para escenificar "a morte da sanidade pública" na parroquia
Por Redacción |
-
O Concello acusa o Sergas de "dilatar" o regreso do médico a Ponte Sampaio
Por Alejandro Espiño |
-
O Consultorio de Ponte Sampaio reactivará a actividade de Enfermería o vindeiro 1 de xuño
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Recollen máis de 600 sinaturas nun día para reclamar a apertura inmediata do consultorio médico de Ponte Sampaio
Por Redacción | Creada e actualizada