Caldas abre matrícula para os cursos de natación que contarán cun protocolo de prevención
Por Redacción
A Piscina Municipal Antía García de Caldas de Reis funciona con normalidade dende o mes de xuño e o próximo setembro retomará os cursos de natación.
O Concello caldense informa que xa está aberto o prazo de matrícula para os cursiños de natación da tempada 2020-2021. Por unha banda, as persoas aboadas á piscina municipal só teñen que indicar a súa intención de participar na actividade para que se lles reserve unha praza e, por outra, as non aboadas deben acudir ás instalacións da Piscina Municipal para formalizar a matrícula. Aos usuarios que viron cancelados os cursos de marzo por mor do coronavirus compensaránselle os días non desfrutados. Para calquera consulta, permanece habilitado o teléfono 986 540 831.
A oferta de cursos de natación inclúe actividades para nenos e persoas adultas. Os horarios para o mes de setembro serán os martes e os xoves polas mañás ás 09.00 e ás 09.45 horas para adultos e ás 10.45 para nenos. Os mesmos días, polas tardes, ofreceranse clases ás 18.35 para rapaces e ás 19.15 e 20.00 horas para persoas adultas.
Estes horarios están abertos a modificacións en función ao número de matriculas, polo que se procedería a ampliar ou reducir a cantidade de grupos. En canto ao curso de natación escolar, estes serán ofertados polos propios centros educativos e comezarán no mes de outubro.
Desde o Concello de Caldas lémbrase que todos os cursiños vanse desenvolver de maneira segura e aplicando os protocolos de prevención para evitar a transmisión da Covid-19 cun reforzo das "frecuencias de limpeza e desinfección en todos os espazos das instalacións e o aforo está limitado ao 30% da capacidade co obxecto de dispoñer dun espazo moito máis amplo e seguro para cada usuario. Cada pista da piscina poderá ser utilizada por un máximo de 3 persoas".
O protocolo de prevención indica que todos os usuarios deberán levar unha máscara individual que se deberá utilizar na recepción e nas zonas comúns, só se poderá sacar para a realización de actividade física. Os usuarios tamén deberán manter a distancia interpersoal, que estará debidamente indicada nas propias instalacións. Así mesmo, prohíbese deixar roupa e calzado nos vestiarios. Cada usuario, unha vez cambiado para a práctica deportiva, deberá facerse cargo das pertenzas. Tampouco se permite compartir material e no caso de ser preciso algún elemento de apoio será entregado polos monitores levando a cabo os procedementos de desinfección adecuados.
Relacionadas:
-
Preocupación e malestar nos colexios públicos e Anpas de Caldas ante o inicio do curso escolar
Por Redacción |
-
Ábrese o prazo para inscribirse nas actividades deportivas de verán en Caldas
Por Redacción |
-
A piscina e o ximnasio municipal de Caldas reabren este venres 12 con estritas medidas sanitarias
Por Redacción |