Un patinete eléctrico que se estaba a cargar orixina un incendio nunha vivenda de Barro
Por Redacción
Os Bombeiros do Salnés sufocaron a última hora da tarde deste luns 24 de agosto un incendio declarado nunha vivenda do municipio pontevedrés de Barro.
Concretamente o suceso tivo lugar nun piso situado na Rúa das Baladas.
Segundo relata o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, a causa do lume tería sido un patinete eléctrico que se estaba cargar.
Debido ao incendio ardeu unha habitación da vivenda por completo afectando o fume ao resto da casa, aínda que por fortuna ningunha persoa resultou ferida.
O 112 recibiu a alerta de incendio preto das 19:10 horas da tarde, poñendo a situación en coñecemento dos bombeiros de Ribadumia, Vilagarcia e tamén de Pontevedra, ademais de 061 e Protección Civil.
Controlado e extinguido o lume, os equipos de emerxencia finalizaron o dispositivo ao fío das 20:30 horas tras completar a ventilación do edificio.