Alfonso Rueda: "A situación é preocupante, por iso facemos unha chamada a extremar o cumprimento das normas"
Por Natalia Puga
A evolución da pandemia do coronavirus preocupa á Xunta de Galicia en Pontevedra en igual medida que no resto da comunidade, sen que se detectaron nas últimas xornadas motivos para que na área sanitaria se disparen máis alarmas que a inquietude xeral. Así o asegurou este martes o vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, durante unha visita a Marín.
A preguntas dos medios de comunicación, Rueda Valenzuela explicou que "nos preocupa esta zona igual que nos preocupan as demais" e a pesar de que nas últimas xornadas foi unha das áreas sanitarias con maior volume de crecemento de casos activos de Covid-19 "non nos preocupa a de Pontevedra por enriba de calquera outra, pero por suposto que nos preocupa", insistiu.
Rueda asegurou, en todo caso, que a situación non é boa e é necesaria a implicación de toda a cidadanía para evitar a expansión da enfermidade. "A situación é preocupante, por iso facemos unha chamada a extremar o cumprimento das normas e estar sempre vixiantes e tomar decisións", insistiu, para engadir que hai brotes "en moitos lugares" e que non se pode baixar a garda.
O vicepresidente galego referiuse ao protocolo anti Covid-19 nos xulgados galegos, que este luns tivo que aplicarse en Pontevedra tras detectarse dous casos positivos de dous funcionarios. Segundo explicou, "xa ven actuando para a seguridade sanitaria nos xulgados hai moito tempo e cando se produce algún contaxio ponse en marcha o protocolo", que está acordado co Ministerio de Xustiza e o Consello Xeral do Poder Xudicial.
Ademais, fixo referencia ao anuncio realizado polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, este martes de que impulsarán a cogobernanza coas comunidades autónomas e aplaudiu a decisión, pois é unha demanda que o Goberno galego leva "pedindo desde hai moitísimo tempo".
Criticou que o Executivo central de Pedro Sánchez pasou "da intervención absoluta do Goberno, onde as comunidades autónomas non tiñan nada que decir, ao desentendemento absoluto" e cre que a mellor solución é un punto intermedio, nin unha cousa nin a outra", senón unha "coordinación" que permita unha aplicación "homoxénea" da xestión da pandemia.
Relacionadas:
-
Activan o protocolo anticovid ante un novo positivo nos xulgados de Pontevedra
Por Redacción |
-
A cifra de afectados de coronavirus segue crecendo: 16 novos contaxios e 179 casos activos na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
O Concello de Marín publica o protocolo de uso dos locais municipais
Por Redacción |
-
Feijóo, ante o novo curso: "A aula será un lugar moito máis seguro que outros que os rapaces en Galicia frecuentan"
Por Natalia Puga |
-
Os casos de Covid-19 seguen disparándose na área sanitaria, con 19 novos positivos nun día e varios brotes
Por Natalia Puga |