A volta a clase centra o debate no pleno de Poio
Por Redacción
A preparación dos protocolos anticovid de fronte ao comezo do próximo curso escolar foi un dos principais puntos de debate no pleno municipal de Poio que se desenvolvía durante este martes 25 de agosto.
O BNG, PSOE e Avante Poio, que conforman o equipo de goberno, aprobaban coa abstención do grupo do PP dirixirse á Xunta de Galicia e, en concreto, á Consellería de Educación para que achegue material, fondos e medios necesarios que garantan o inicio deste curso escolar marcado polas dificultades sanitarias derivadas da pandemia.
Reclaman un protocolo consensuado co profesorado e coas asociacións de nais e pais de estudantes. Tanto o PSOE como o BNG presentaron dúas mocións neste sentido coa petición por parte dos nacionalistas dunha reunión coa conselleira Carmen Pomar á que queren manifestar a preocupación que existe neste municipio ante o comezo das clases.
Desde a corporación pídese ao goberno de Núñez Feijóo contratación de máis persoal docente, rebaixa de cocientes de alumnado por aula e a ampliación de dotacións económicas para asumir labores de limpeza extraordinaria nos centros educativos. Tamén, a pedimento da concelleira Raquel Rodríguez, reclámanse fondos para as ANPAs para que poidan realizar actividades e tamén para eliminar os problemas dixitais de acceso a internet por parte dun amplo número de alumnos.
Pola súa banda, o grupo municipal do PP lamentou que o BNG e PSOE votasen en contra da proposta popular de arranxar o Camiño do Outeiro, en Fontenla, coñecido tamén como Camiño do Instituto, que segundo expoñen é utilizado polo alumnado do IES de Poio. Neste punto defendido pola concelleira Maritxe González indícase que o camiño se atopa cheo de pedras, lama e fochancas. Ante a abstención da concelleira Silvia Díaz, de Avante Poio, na votación, o alcalde Luciano Sobral fixo uso do voto de calidade rexeitando esta proposta.
Relacionadas:
-
Poio insta á Xunta a que resolva os problemas no transporte escolar do IES da Fontenla
Por Redacción |
-
Fontenla entra na campaña do PP de Poio como "zona abandonada"
Por Redacción |
-
RADIO.- Inicio do curso escolar: "O problema non vai estar nos centros educativos, está fóra"
Por Marisa Ciordia |
-
As instalacións municipais de Poio contarán cun protocolo unificado de medidas para o seu uso
Por Redacción |
-
O PP de Poio insta o Concello a que a cobertura da internet chegue coa máxima calidade a todo o municipio
Por Redacción |
-
O Concello de Poio acomete obras de mantemento dos colexios
Por Redacción |