Feijóo, ante o novo curso: "A aula será un lugar moito máis seguro que outros que os rapaces en Galicia frecuentan"
Por Natalia Puga
O presidente da Xunta de Galicia en funcións, Alberto Núñez Feijóo, quixo trasladar este mércores á poboación unha mensaxe de tranquilidade en relación co inicio do novo curso escolar e, tras a reunión do comité clínico de expertos creado para xestionar a pandemia en Galicia, asegurou que "a aula será un lugar moito máis seguro que outros que os rapaces e rapazas en Galicia frecuentan".
"Que os pais e as nais non teñan medo para mandar aos seus fillos ás aulas, lugares con supervisión sanitaria que acreditaran que son seguros", sinalou o presidente en funcións, que deu a coñecer que a Xunta de Galicia elaborou un protocolo de máis de 100 páxinas que "minimiza os riscos" e que os expertos do comité clínico trasladáronlle que "haberá máis riscos de contaxio fora das aulas que dentro".
Feijóo reiterou que leva meses pedindo ao Goberno central un protocolo homoxéneo para a volta ao colexio en todas as comunidades, pero ante o silencio por parte do Executivo de Pedro Sánchez, a Xunta leva meses traballando nun protocolo que dea esa seguridade. Recoñece que a autonomía ten delegadas as competencias en materia educativa e que é algo "indelegable", pero insiste en que sería necesario que o Goberno se implicase.
Ese protocolo terá información sobre que facer antes de ir a clase, medidas de protección, o uso de máscaras obrigatoria a partir de 6 anos, test serolóxicos a todos os profesores de educación pública e concertada e tamén a forma de actuar en caso de brotes en cada centro.
O escenario que contemplan será o dunha educación "claramente presencial", pero asegura que tamén se abordaron cuestións como o modo de actuar en caso dun brote para que as clases poidan seguir de forma virtual.
O curso empezará con 158 unidades máis, contratarase ata mil profesores máis "se fose necesario" e na primeira semana de setembro 4.00 profesores que conformaron os denominados 'equipos Covid' de cada colexio recibirán formación específica para axudar a afrontar a pandemia e resolver dúbidas a toda a comunidade educativa.
A versión definitiva deste protocolo estará o 7 de setembro, xusto antes do inicio das clases, que para Infantil e Primaria será o día 10, e Feijóo quere pedir "tranquilidade" ás familias asegurando que "sabemos o que estamos facendo".
Feijóo anunciou tamén anunciou que a Xunta está a ultimar unha nova Lei Orgánica de Saúde para levar ao Parlamento de Galicia, ao Congreso e tamén ao Goberno central como “aportación leal dunha Comunidade autónoma ocupada e preocupada pola pandemia” e para o seu uso como alternativa ao estado de alarma á carta que expuxo Pedro Sánchez ás comunidades.
Así, insiste en que o Estado de Alarma non ofrece respostas específicas para unha pandemia, a resposta específica para unha pandemia é unha lexislación sanitaria, de modo que é necesario apurar mecanismos legais existentes e perfeccionalos porque a pandemia sanitaria tense que abordar desde o punto de vista xurídico cunha lexislación de pandemia sanitaria e non cunha lexislación constitucional excepcional.
Para os próximos meses, tamén avanzou que a campaña da gripe deste ano comezará o próximo 12 de outubro e estenderase ata final de ano, cunha duración de 12 semanas. Haberá 900 puntos de vacinación entre os que se atopan centros de Atención Primaria, residencias ou centros de menores e discapacitados; e contará con 865.832 dose de vacina antigripal, unhas 200.000 máis que na campaña anterior, co obxectivo de cubrir ao 75% da poboación maior de 65 anos e de colectivos de risco.
Relacionadas:
-
A educación infantil en formato burbulla ponse en marcha en Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Limpeza e desinfección a fondo nos centros educativos de Campo Lameiro para recibir aos primeiros alumnos
Por Redacción |
-
As clases empezarán de forma escalada por cursos e os escolares deberán levar unha máscara de recambio
Por Redacción |
-
Reclaman a presenza de persoal de enfermería nos centros educativos de Galicia
Por Redacción |
-
Catro sindicatos anuncian mobilizacións e dúas folgas no inicio do curso escolar
Por Redacción |
-
O BNG de Marín propón que o Concello ceda locais municipais para o seu uso como aulas durante o próximo curso
Por Redacción |
-
O curso escolar será presencial e os colexios permanecerán abertos aínda que haxa positivos
Por Natalia Puga |
-
Alfonso Rueda: "A situación é preocupante, por iso facemos unha chamada a extremar o cumprimento das normas"
Por Natalia Puga |