A Lama inaugura un punto limpo para reciclaxe de residuos eléctricos e electrónicos
Por Redacción
O lixo electrónico xa ten un mellorado punto limpo onde ir parar no municipio da Lama. Cun orzamento de 46.561 euros, a Deputación de Pontevedra levou a cabo as obras para adaptar a zona situada no Polígono Industrial de Racelo para recollida de material eléctrico e electrónico que será reciclado.
O deputado de Cooperación Santos Héctor e o tenente de alcalde da Lama David Carrera visitaban as instalacións onde tanto a veciñanza do municipio como dos concellos próximos poderán deixar teléfonos móbiles que non utilicen, aparellos informáticos, televisores, entre outros utensilios domésticos.
Este punto limpo permanecerá aberto de luns a venres en horario de 07.00 a 14.00 horas, e os sábados de 08.00 a 11.00 horas. Aquelas persoas interesadas en que se recolla material para electrónico para reciclar no seu domicilio deberán chamar ao teléfono 986 768 238.
A Deputación e o Concello puxeron en marcha tamén unha campaña informativa coa instalación dun miniecopunto formado por tres caixas para depositar pilas e baterías, móbiles e tablets, ademais de cargadores e cables. Este espazo atópase no edificio do Concello.